Ribadumia é un concello da comarca do Salnés, na ría de Arousa, aínda que, curiosamente, o seu territorio non linda practicamente en ningún momento co mar. A proximidade do océano séntese, con todo: ocupando unha ampla veiga plana e fértil, o municipio está pegado aos turísticos Cambados e Vilanova de Arousa. Propoñémosvos unha ruta ao son dun dos ríos que atravesan este territorio para coñecer toda a súa riqueza natural e patrimonial.
O termo municipal de Ribadumia é ademais un dos grandes produtores de uva para o viño da Denominación de Orixe Rías Baixas. Na linguaxe popular hai mesmo un nome propio para o tinto do Salnés que remite a unha das parroquias do concello, Barrantes. O municipio asómase á beira sur do río Umia, que lle dá nome. A Ruta da Pedra e da Auga discorre xunto a un dos subsidiarios do Umia, o río Armenteira, comezando en Barrantes e rematando, xa no veciño concello de Meis, xunto ao mosteiro que bautiza á pequena corrente de auga.
O río acompañaranos durante todo o traxecto. Resulta impresionante comprobar o uso intensivo que se lle daba a este tipo de correntes non hai tantos anos: ao longo da ruta iremos vendo multitude de muíños, saltos e canalizacións destinadas a dirixir toda a forza da auga cara ás pas que movían as pedras de moer, testemuña da puxanza da industria fariñeira na época. Moitas destas construcións foron restauradas recentemente, o mesmo que as pontellas e pasos sobre o río e, sobre todo, o piso, o que fai a ruta doada de andar, aínda que longa. O traxecto entre Barrantes e A Armenteira é duns oito quilómetros, e a ruta, enormemente popular, é lineal. Por isto, hai que contar co percorrido de volta ladeira abaixo ou prever a posibilidade de baixar en coche particular, taxi ou outra forma de transporte.
Na parte inicial do percorrido atópase unha curiosidade na que paga a pena deterse. Trátase da chamada “Aldea labrega”, unha aira ben cuberta por árbores autóctonas na que se colocaron estatuas en pedra que representan multitude de oficios tradicionais galegos, así como de elementos arquitectónicos coma hórreos, fontes, cruceiros e mesmo unha capela, todos realizados a escala. Resulta un lugar ideal para facer unha parada, refrescarse e tomar impulso para o último tramo do traxecto, algo máis empinado, que leva ata o Mosteiro da Armenteira.
O cenobio que marca o final da Ruta da Pedra e da Auga é espectacular. Fundado no século XII, conserva unha fermosa portada románica, sobria e severa, con ventás estreitas e unha sinxeleza que transporta ao máis fondo da Idade Media. Arredor del atópanse varias fontes e tamén locais de hostalería nos que repoñer forzas antes de tomar o camiño de volta. Moi cerca do mosteiro pódese atopar tamén un centro dedicado a promover a práctica da bicicleta de montaña, con rutas para ciclistas de todos os niveis percorrendo camiños da zona.