As cidades que máis conectan co mundo de hoxe e co do futuro, dispoñen de edificios contedores de arte, de ciencia, de historia… que xa so por sí mesmos teñen moito que dicir. Moitos eríxense como obras de arte e acaban por ser símbolos dos novos tempos. En Galicia temos exemplos moi significativos.
Pode que o primeiro que nos veña á mente sexa a Cidade da Cultura (2011), no monte Gaiás, en Santiago de Compostela. Este complexo arquitectónico que xa é parte do monte, foi deseñado por Peter Eisenman (agás as Torres Hejduk, de Hejduk, e o edificio Fontán, rematado por Perea). Como o seu nome indica, non estamos ante un museo senón nunha cidade, coas súas rúas, as súas prazas e os seus xardíns e, incluso, a súa pista de skate! Tanto ten que ver que ata se fan visitas arquitectónicas comentadas. Diferentes espazos teñen diferentes usos: Biblioteca de Galicia, Arquivo de Galicia, Centro de Emprendemento (con espazo co-working e viveiro de empresas), Museo Centro Gaiás (alberga exposicións temporais), Centro de Innovación Cultural (sede da AMTEGA, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e do CPDI, Centro de Procesamento de Datos Integral), Torres Hejduk (espazo expositivo). Sí, podemos dicir que a cidade é bastante completa. Alí fanse exposicións, concertos, feiras, espectáculos de teatro, de danza…
Seguindo en Santiago, outras referencias contemporáneas de gran valor son as obras de Álvaro Siza, premio Pritzker no 1992, como o Centro Galego de Arte Contemporánea (1993) ou a Facultade de Ciencias da Comunicación (1999).
Outro edificio emblemático da Galicia moderna é a Domus (1995). Está na Coruña, fronte ao mar, e presume de ser o primeiro museo interactivo do mundo adicado íntegramente ao ser humano. É obra de Arata Isozaki, tamén Pritzker no 2019, que o concibiu como un barco coa vea de cara ao mar, sorteando os ventos cara ao futuro. En canto ao contido, síguese o concepto participativo da Casa das Ciencias (1985), mais no referido ao ser humano (evolución, corpo, mente, xenética…). Conta con máis de 150 módulos interactivos, ademais de exposicións temporais, sala de cine 3D e laboratorio aberto. Xunto á Casa das Ciencias e o Aquarium Finisterrae (1999) forma parte dos Museos Científicos Coruñeses. Por certo, que a cidade tamén alberga outro museo científico, este de carácter estatal: o MUNCYT (2006), no edificio Prisma de Cristal proxectado por Victoria Acebo e Ángel Alonso.
E, falando de museos interactivos e de edificios emblemáticos, aí temos o MIHL (ou Museo Interactivo da Historia de Lugo), de 2012. Erixiuse na época na que a muralla de Lugo era declarada Patrimonio da Humanidade. Foi deseñado polo equipo Nieto Sobejano. Chámano «museo-parque», xa que está sutilmente integrado no parque da Milagrosa, ao norte da cidade. O seu deseño, baseado en estruturas cilíndricas, está inspirado na muralla.
Podemos facer un percorrido pola arquitectura recente máis salientable na Universidade de Vigo, no Campus de Lagoa-Marcosende, máis coñecido como CUVI. Xa na súa remota orixe, en 1977, Desiderio Pernas fixera o Colexio Universitario, o que actualmente é Facultade de Filoloxía e Tradución. Desde entón, foron sumándose ampliacións que fan do campus un auténtico muestrario da mellor arquitectura contemporánea no medio do monte. Mais non é un muestrario, son edificios vivos que se interrelacionan e se integran na contorna á perfección. O eixo central é o Aulario (2003) e o reitorado (2006), de Miralles e Tagliabue. Tamén destacan a Biblioteca Central, de Pilar Díez e Alberto Noguerol (1995), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións e a de Minas e Enerxías (2003) de César Portela e Gabriel Santos Zas, a residencia universitaria O Castro (2002) de Penela… A intervención máis recente no campus é de 2011, o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial, tamén de Penela, que aínda ten alí tres edificios máis. En 2021, inaugurouse no Berbés de Vigo a sede institucional e de I+D+i da universidade, unha rehabilitación de tres construcións do casco vello feita polo equipo Abalo Alonso.
Xa no centro de Vigo, outro edificio significativo deste século: a sede do COAG (2008), proxectado por Irisarri e Piñera. É un exemplo de arquitectura sostible, con fachada de policarbonato e vidro. Ten a peculiaridade de que de día aproveita a luz solar e de noite ilumina o exterior desde dentro. Unha sorpresa agochada detrás dunha céntrica rúa de Vigo. Outra obra destacada da cidade é o Museo do Mar (2003), baseado nun proxecto de Aldo Rossi e rematado por Portela, que parece sacado dun cadro de De Chirico.
En Pontevedra, o moderno ven dado principalmente polo seu ecolóxico e sostible modelo urbano, o que tamén fai que as intervencións arquitectónicas sexan coidadas. Un exemplo diso é a ampliación do Museo de Pontevedra, feita por Celestino García e Javier Reboredo no 2004.
Nas cidades con río, como Pontevedra e Ourense, as novas pontes tamén deseñan as novas paisaxes. Aií temos a Ponte das Tirantes (1995), en Pontevedra, de Troyano e Manterola ou a Ponte do Milenio (2001), de Varela e Calvo.