Galicia é, sen dúbida, unha terra que ofrece unha experiencia enoturística incrible. Entre as cinco Denominacións de Orixe que ostenta a nosa comunidade, a D.O. Rías Baixas é unha das máis populares pero, canto sabes realmente dela? Unha boa maneira de coñecer os seus afamados viños é percorrendo as zonas nas que se divide a súa distinción.
Antes de profundar nelas, debemos lembrar que a Denominación de Orixe Rías Baixas é unha pequena zona vitivinícola situada principalmente na provincia de Pontevedra e unha reducida parte da provincia da Coruña. Con máis de 4.000 hectáreas repartidas en máis de 20.000 parcelas que, polo seu característico emparrado, téñense que vendimiar a man.
Aínda que a variedade de uva máis coñecida é a Albariño, o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas recolle tamén as variedades de Loureira branca ou Marqués, Treixadura, Caiño branco, Torrontés e Godello nas brancas e, Caiño tinto, Castañal, Espadeiro, Loureira tinta, Sousón, Mencía, Brancellao e Pedral nas tintas. O que demostra a calidade e riqueza varietal que existe nas distintas subzonas de produción: Val do Salnés, O Rosal, Condado do Tea, Soutomaior e Ribeira do Ulla.
A de Val do Salnés é o epicentro de produción dos albariños e abarca os municipios de Cambados, Caldas de Reis, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa. A área do Rosal en cambio, comprende o municipio de Tomiño e O Rosal. Mentres que, a subzona do Condado do Teo, acolle a Salvaterra do Miño, As Neves, Arbo, Salceda de Caselas e A Cañiza. Pola súa banda, a de Soutomaior inclúe unicamente ao municipio co que comparte nome e, por último, a subzona de Ribeira do Ulla céntrase nos límites do Concello de Vedra.
Aínda que as cinco subzonas comparten algunhas características comúns que teñen que ver, sobre todo, co tipo de chan -xeralmente granítico- e o clima -tipicamente Atlántico-, tamén se diferencian por outro tipo de cuestións. Por exemplo, se falamos da subzona de Val do Salnés, o máis relevante é o predominio de terras baixas sobre as que se atopan os seus cultivos. Mentres que nas zonas de Condado do Tea e O Rosal o máis singular é unha topografía que se caracteriza pola apertura do val do Río Miño desde a localidade das Neves.
En xeral, os viños monovarietais de Albariño desta D.O. son frescos e suaves en boca, cunha acidez equilibrada e con suficiente corpo e grao alcohólico. O resultado é un retrogusto pracenteiro, elegante e completo. Pola súa banda, os viños do Rosal e Condado do Tea diferéncianse pola súa composición con variedades Loureira e Treixadura, respectivamente. O que nos deixa un caldo cunha lixeira acidez pero de gran atractivo gustativo. Con todo, a ter en conta é que nas cinco subzonas a tradición vitivinícola céntrase na produción de viños brancos, mentres que os tintos destínanse xeralmente ao autoconsumo. Aínda que non se pode descartar que cos anos os produtores decidan apostar por estes viños con menor presenza.
Iso si, calquera dos produtos derivados e amparados pola Denominación de Orixe Rías Baixas contan cun selo de calidade que garante uns viños cun marcado carácter atlántico.