6 parques para visitar en familia este verán

Moitas veces, sobre todo cando o tempo non acompaña, fáltannos plans para realizar en familia e é difícil entreter aos nenos. Por sorte en Galicia temos varios parques e xardíns deseñados e pensados para o entretemento familiar, así que hoxe recomendámosvos algúns dos máis interesantes:

Parque dos sentidos. Marín

Situado na antiga Granxa dos Briz, moi preto do centro de Marín, atópase este orixinal parque que, como o seu nome indica, está pensado para gozar cos cinco sentidos.

Figuras talladas nas árbores, o murmurio da auga en fervenzas e estanques, xogos de habilidade para maiores e pequenos, e o cheiro dos froiteiros e especies que se cultivan en toda a leira, acompáñannos durante todo o traxecto.

Ademais, o parque ten unha zona infantil con grandes tobogáns e redes de escalada. Todo está pensado para pasar unha boa tarde en familia.

Parque do Pasatempo. Betanzos

Este curioso parque foi inaugurado en 1914 e plasmaba as diversas viaxes polo mundo do seu creador, D. Juan García Naveira. Foi o primeiro parque temático do mundo e chegou a saír nas guías de viaxe da época. Tamén era moi visitado polos peregrinos que percorrían o Camiño Inglés.

O parque deseñouse para dividirse en dúas  partes: os Xardíns, de estilo romántico inglés, eran a parte máis extensa, con longos paseos, esculturas e estanques. Sobre ela sitúanse agora as novas instalacións. Doutra banda o Pasatempo ou Parque Enciclopédico de Atraccións, que é a zona que aínda se conserva e está dividida en cinco niveles conectados por covas artificiais e xardíns repletos de obxectos curiosos e imaxinativos.

A zona nova alberga estanques, xardíns e un auditorio ao aire libre.

Sen dúbida un lugar digno de coñecer e que non deixará indiferente a ninguén.

Parque Eirís. A Coruña

Ocupa unha enorme superficie no barrio coruñés do mesmo nome.

O parque está dividido en diversas zonas nas que podemos divertirnos tirándonos polos seus longos tobogáns, a dobre tirolina ou subindo por unha rede de escalada; paseando ao redor do parque e o estanque ou achegarnos ata as ruínas do Castelo de Eirís e gozar dunhas inmellorables vistas sobre o peirao da Coruña.

O parque conta tamén con zona de parque infantil, zona para cans e unha gran pérgola para resgardarse do sol.

Circuito de Natureza da Pasarela sobre o río Mao. Ribeira Sacra

Non se trata realmente dun parque, pero esta curta ruta, de apenas 1,8 km e que discorre entre as árbores en plena Ribeira Sacra, pode facer as delicias dos máis pequenos da casa.

Con inicio nunha antiga central hidroeléctrica (o albergue da Fábrica da Luz), a pasarela discorre paralela ao río Mao ata a súa desembocadura no río Sil podéndose gozar dunha bonita vista sobre os canóns do río.

Ademais, na Fábrica da Luz contan coa posibilidade de acampar entre as árbores, toda unha aventura para os máis cativos!

Parque Recreativo Labirinto Costa Mariña. Rinlo

O principal atractivo deste parque situado na Mariña lucense é o labirinto, con case 4.000 metros, e que é un dos máis grandes de España. Tras percorrer o labirinto chégase ao miradoiro central desde o que se pode apreciar a impresionante estrutura e apreciar as vistas da costa e as montañas.

O parque conta ademais, con varias zonas de xogo e entretemento.

Parque A  Canuda. Salvaterra de Miño

Por último podemos achegarnos ata Salvaterra de Miño e gozar do longo paseo que discorre a beira do río Miño. Podemos ir andando ou en bicicleta, xa que conta con carril bici e alugueiro de bicicletas. Ao terminar podemos descansar mentres os nenos divírtense no seu enorme parque infantil ou no circuíto de educación viaria (con semáforos, pasos de peóns, etc).

O parque tamén conta cun pequeno zoo e, mesmo, cun lago no que se pode dar un paseo en barca. Un plan perfecto para pasar un día en familia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *