“Vía láctea, guía de peregrinos a Galicia”. Unha exposición celestial en Compostela  

A relación da ruta xacobeo e as estrelas remóntase ás orixes mesmas do fenómeno da peregrinación cara a Santiago. De feito, segundo o relato tradicional, foi unha estrela a que permitiu a Teodomiro atopar os restos do Apóstolo Santiago. E mesmo unha das teorías que tratan de explicar a orixe da denominación Compostela atribúea á expresión latina campus stellae (campo de estrelas).

 

É, precisamente, esa estreita relación chea de simbolismos a que inspirou a exposición que durante boa parte deste mes de setembro se pode ver no pazo compostelán de Fonseca, a poucos metros dun lugar convertido xa en destino de peregrinación universal, a tumba do Apóstolo. A través de 40 espectaculares imaxes nocturnas presentadas en láminas de gran formato a exposición Vía Láctea, guía de peregrinos a Galicia, reivindica “a recuperación da observación da mancha branca como elemento integrador da peregrinación a Santiago”.

 

Os fotógrafos Daniel Llamas e Daniel Lois percorreron Galicia na procura dalgúns dos mellores lugares desde onde contemplar a nosa Galaxia e tras dar forma con elas ao libro Galicia, un lugar máxico para contemplar as estrelas presentan agora unha selección daquelas imaxes na mostra que ten como comisarios ao propio editor do volume impreso, Alfonso Freire, e á escritora e catedrática de Matemáticas, María Vitoria Veguín Casas. Esta última é a autora do libro A Vía Láctea. Camiño de deuses, almas e peregrinose dos textos que serven de fío condutor ás imaxes de Llamas e Lois. “Desde cando se vincula a Vía Láctea co Camiño de Santiago?” é algunha das preguntas que expón ao espectador María Vitoria Veguín. Pola súa banda, Alfonso Freire, sinala que a exposición é “unha oportunidade única” para analizar a importancia que “este patrimonio universal que é a Vía Láctea” tivo ao longo dos séculos para Galicia.

 

As fotografías da exposición constitúen, ademais, un elemento de reflexión sobre a necesidade de loitar contra a contaminación lumínica do Camiño e de recuperar o vello costume de alzar a mirada cara ao ceo e gozar da contemplación das estrelas tal como fixeron os primeiros peregrinos.

 

A exposición forma parte do programa O Teu Xacobeo e tras o seu paso por Santiago, onde permanecerá ata o día 26 de setembro, iniciará un percorrido itinerante por outros puntos de Galicia.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *