O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira é un festival adicado á música folk das rexións consideradas celtas. Con 31 anos de tradición celébrase cada verán, ao longo de catro días (a segunda fin de semana de xullo), na vila de Ortigueira, na provincia da Coruña.
O escenario principal sitúase no porto e acolleu, ao longo das súas edicións, actuacións de grupos de música celta de grande nivel e fama internacional. Dende a edición do ano 2000, nos arredores do porto levantouse un escenario máis pequeno, o escenario Runas, onde cada ano celébrase un concurso con xurado entre grupos noveis, cuxo premio ao gañador é a actuación no escenario principal na edición do ano seguinte. Nestes 17 anos pasaron polo Proxecto Runas máis de 200 bandas nacionais e internacionais, o que indica e sinala o poderío desta plataforma promocional.
Durante estes días, tanto na praia de Morouzos como na Arboleda de Piñeiros habilítanse espazos de acampada para a xente que acode a este festival, que está considerado Festa de Interese Turístico Internacional e é un dos maiores festivais en canto ao número de asistentes de toda Europa, superando en ocasións os 100.000 asistentes por edición. Na actualidade, a súa magnitude excede xa o puramente musical para consolidarse coma un espazo libre onde conflúen xentes chegadas dos máis diversos puntos da xeografía.
Pouco máis que o espírito de liberdade e o carácter folclórico do evento quedan daquel festival artesanal que nacía no ano 1978 froito do esforzo da escola de gaitas de Ortigueira. Foi unha idea visionaria que triunfou grazas á axuda de toda a vila e que, no ano 2000, sentou as bases do que hoxe é unha unha auténtica industria cultural, á vez que abriu o seu horizonte musical cara outros tipos de música que non teñen por que ser estritamente celtas.
O esforzo nas últimas edicións pasa por reforzar as infraestruturas de servizos (autobuses gratuítos, aparcadoiros vixiados, duchas, aseos, puntos de información etc.) e facer así máis cómoda a estancia dos miles de visitantes que enchen a vila e a praia, así como por coidar ao máximo a calidade da programación musical. É por todo isto que as estrelas de folk elixen os palcos de Ortigueira para presentar os seus últimos traballos.
A forza do festival organizado polo Concello de Ortigueira serviu para que na súa edición do 2003 o Ministerio de Economía lle concedese o galardón de Festa de Interese Turístico Nacional. Pero os recoñecementos irían máis aló e en 2005, como xa mencionamos, o certame entrou nun selecto grupo de eventos de Interese Turístico Internacional. O empuxe do festival ou o seu papel na proxección de Galicia e España no estranxeiro foron só dous dos factores que o levaron a dito recoñecemento.
Este ano o festival celebrarase do 13 ao 16 de xullo e amplía a súa oferta cultural máis aló do escenario Estrela Galicia (o escenario principal) impartindo diferentes obradoiros. Tamén organizan, unha vez máis, concertos e presentacións tanto no Teatro de Beneficencia como na Igrexa parroquial. Como en anteriores anos, quen o desexe poderá gozar dunha ampla variedade de actividades gratuítas que incrementan as experiencias que se viven neste festival.
Por todas estas razóns, os amantes do folk terán en Ortigueira unha cita ineludible á que, por suposto, estás convidado.