Un xurado popular e outro formado por expertos deciden hoxe cal é a mellor tapa de Galicia en 2022

Un xurado formado por profesionais da gastronomía e do turismo e o público asistente ao evento desta tarde no Hotel Monumento San Francisco (Compostela) decidirán cales son os mellores petiscos galegos do ano. Sete cociñeiros doutras tantas cidades compiten na Gala Showcooking De Tapas por Galicia coas receitas gañadoras dos certames poñendo a proba a súa creatividade sobre os produtos excelentes da Comunidade.

A xornalista María Solar conducirá o acto, organizado pola Axencia Turismo de Galicia. Os sete cociñeiros prepararán sobre o escenario as súas receitas nun evento único. Disputarán os premios as tapas ideadas por Daniel Bastos (El Italiano Feo, Vigo); Rubén González (El Cafetín de la Alameda, Pontevedra); Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela); Álvaro Victoriano (Intenso Cocina Peculiar, A Coruña); Pablo Fuentes (La Bodega de Estrella, Ferrol); José Luis Pardo Baamonde (El Boni, Lugo); e Gabi Conde-Corbal (Portovello, Ourense).

O público asistente á velada decidirá o Premio Mellor Cociñeiro a través dun sistema de televoto, e despois de probar as sete propostas contendentes. Mentres, o premio do Xurado decidirano Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Áxel Smyth, chef do restaurante Auga e Sal, en Santiago de Compostela, recentemente distinguido cunha Estrela Michelin; Paco Gómez, xefe de cociña do restaurante A Feira, en Ourense, elixido polo xurado profesional como Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia na gala celebrada no ano 2019; Alejandro Méndez, xefe de cociña do restaurante-arrozaría Os Cachivaches, de Lugo, elixido polo xurado popular como Mellor Cociñeiro na mesma edición; e Ana Prieto, especialista en fotografía gastronómica e responsable, xunto a Marco Soriano de Tejada, do blog La Cocina es Vida, mellor blog desta temática en 2019 segundo Canal Cocina.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *