Un bocado do mar de Vigo

Dani Bastos Macías. El Italiano Feo

O cociñeiro máis novo da Gala Showcooking De Tapas por Galicia vén de Vigo polo Camiño Portugués e trae con el o mar enteiro. A proposta de Daniel Bastos, xefe de cociña de El Italiano Feo, é unha arriscada combinación na que predominan os sabores da ría e que se coroa cunha espuma feita, literalmente, con auga de Samil. O restaurante, rexentado por Francky Claude Poplimont e María Inmaculada Goberna García, sitúase no concorrido paseo deste areal.

Porque o mar é o eixo fundamental da gastronomía viguesa. A cidade conta cunha oferta dificilmente igualable para amantes da cociña creativa, con dous establecementos recoñecidos con Estrela Michelin, algunhas das propostas máis arriscadas e innovadoras de Galicia e practicamente unha ruta de petiscos en cada barrio.

A popular praia viguesa marca a idiosincrasia do restaurante. “En verán isto é unha loucura, traballamos moi rápido e con moito volume. Fóra de temporada hai máis tempo para pensar”, explica Bastos. Con só 22 anos, acumula xa unhas cantas experiencias detrás dos fogóns: “Empecei con 16 anos”, explica, narrando como a man para a cociña se foi transmitindo de xeración en xeración na súa familia, ata chegar a el: “A miña avoa cociñaba para os ricos”, ri, “e miña avoa e miña nai, aínda que non son profesionais, son un espectáculo”.

Tamén é un espectáculo o seu Maremoto, o petisco co que venceu no concurso de tapas Petisquiño de Vigo. “É unha combinación de sabores pouco corrente”, describe. A base de pan cristal úntase con manteiga de cacahuete traballada con soia. Sobre ela disponse unha lisca de pastel de lumbrigante, cremoso e suave, e, encima, uns graos de granada frescos. Nunha capa superior dispóñense cebola chinesa e alga wakame para achegar frescura, e un pequeno filete de xurelo torrado ao lume.

O toque final achega aínda máis sabor a costa e un toque de poesía: trátase dunha espuma elaborada con auga de Samil, o colofón para unha receita explosiva… coma un maremoto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará