A Romaría de Nosa Señora da Barca, na localidade coruñesa de Muxía, é unha das máis importantes e de maior tradición de Galicia.
Esta romaría é tan antiga como a fundación da súa primeira capela, nos séculos XI e XII, e está declarada Festa de Interese Turístico Nacional. Celébrase durante o segundo fin de semana do mes de setembro, sendo o domingo o momento culminante da celebración cunha procesión que percorre varias rúas de Muxía camiño da Igrexa de Santa María, onde se acolle á Virxe ata o día seguinte.
Son milleiros de persoas as que alagan as rúas da vila durante eses días para honrar á súa patroa. As xentes chegan peregrinando desde lugares afastados para gozar desta festa onde se conxuntan perfectamente a devoción e a diversión. O camiño que conduce ao santuario, bordeado polos típicos postos de velas e roscas, é un fervedoiro de xente que se dirixe á misa. Ao finalizar esta, a Virxe sae en procesión ata o porto, onde realiza a bendición das augas. Ese día, ademais de degustar as caldeiretas de peixe típicas da zona, tamén se visitan as súas famosas pedras. E é que a historia cultural de Muxía vai ligada tanto ao Santuario da Barca como ás Pedras da súa contorna.
Pero, sabías por que?
Conta a lenda que cando Santiago predicaba o Evanxeo por estas terras, nun momento de desolación debido ao pouco éxito logrado na súa predicación, recibiu a visita da Virxe sobre unha barca de pedra na que remaban anxos, o que lle infundiu ánimos para que o apóstolo continuase co seu labor evanxelizador. Como proba da súa aparición, a barca da Virxe quedou plasmada nas rocas. Anos despois, descubriuse a imaxe da Virxe baixo o temón da barca e procedeuse ao seu traslado á igrexa parroquial pero, de forma inexplicable, volveu aparecer no seu lugar orixinal. Ante este milagroso feito, os habitantes de Muxía decidiron construír un santuario para honrar á Virxe, e é nos arredores deste santuario situado xunto ao mar onde se atopan as rocas usadas nun rito culto pagán que logo foi cristianizado. Son a “Pedra de Abalar”, a “Pedra dos Cadrís”, a “Pedra dos Namorados” e a “Pedra do Temón”.
Este culto ás pedras, moi habitual en Galicia, probablemente deba a súa orixe á época prerrománica e, segundo parece, a súa cristianización débese aos monxes de Muxía. A “Pedra dos Cadrís” é de visita indispensable para todos aqueles que padezan problemas reumáticos, para o que han de pasar por baixo dela nove veces. A “Pedra de Abalar” produce ao moverse un son misterioso ao que a tradición popular atribúe multitude de poderes. Segundo contan, o son só se produce en caso ser inocente e estar libre de pecado. Tamén hai quen di que a pedra emite o seu son por si soa como aviso dun naufraxio ou algunha outra desgraza. A “Pedra do Temón” debe o seu nome a que, sempre segundo a lenda, é o temón da barca na que se apareceu a Virxe. Por último, a “Pedra dos Namorados”, a única das pedras da Barca cuxa tradición non se relaciona coa lenda mariana. Ten forma de asento cun gran respaldo no cal as parellas se prometen amor e fidelidade.
Todo isto fai que a Romaría de Nosa Señora da Barca sexa, por tanto, unha das máis máxicas.
Non tes ganas de descubrila?