Que facer en Galicia do 6 ao 12 de agosto?

Xa estamos metidos en agosto! Como cada semana, traémosche a Axenda das principais festas que terán lugar na xeografía galega nos próximos sete días. Como cada verán, terás onde elixir, así que esperamos que te animes a visitar algunha delas, e sobre todo que o pases moi ben!

 

Festa do Monte

6 ao 13 de agosto – A Guarda, Pontevedra.

Unha das festas máis importante para os guardeses dura unha semana enteira, do luns 6 ao luns 13, chamado “Domingo  do Monte” cunha gran tirada de fogos artificiais e verbena. O sábado 11 celebrarase o tradicional desfile polo centro no que participan as bandas e grupos de música tradicional galega da Guarda. Ao día seguinte, no monte, celébrase o ritual da xura: beber viño xurando volver e en memoria dos que non puideron estar.

 

Festas  Patronais de San Lourenzo

9 ao 11 de agosto – Foz, Lugo.

En pleno verán estas festas patronais atópanse repletas de atraccións. O día dedicado a San Lourenzo comeza cunha misa cantada polo Coro de Foz e acaba coa procesión do Santo.

A noite do 10 de agosto celébrase un espectáculo piromusical e acuático moi especial. Existen ademais, durante todo o mes, unha infinidade de propostas culturais que animan Foz, como degustacións de polbo, a festa da queimada, mostra folclórica, concurso de castelos de area, etc.

 

Festas Patronais na honra de San Roque

9 ao 19 de agosto – Vilagarcía de Arousa, Pontevedra.

Vilagarcía de Arousa comeza o día 9 as súas festas en honra ao seu patrón San Roque pero o seu día máis importante é o 16, coa misa solemne e a procesión do Santo. A continuación, o mesmo día 16, celébrase o seu reclamo máis famoso, a Festa da Auga, nunha ampla zona na que se concentran unha infinidade de mozos e non tan mozos. Nela pódense atopar camións de bombeiros, pistolas de auga, globos, cubos desde os balcóns, etc. Nada mellor que esta guerra de auga para refrescarse á mañanciña en pleno verán.

 

Feira do Xamón da Cañiza

del 11 al 15 de agosto – A Cañiza

Esta festa celebrarase desde o 11 ao 15 de agosto, alcanzando este ano a súa 51º edición. No programa destaca como día central o 15, xornada na que non faltará a tradicional cata, así como o V Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, actuacións musicais e un gran espectáculo infantil. O resto de días tamén contan con actividades de interese, como a masterclass de corte de xamón e a cata de viños do día 14. Anímate a visitar A Cañiza estes días!

 

Festa da Maruxaina de San Cibrao

Sábado 11 de agosto – Cale de San Cibrao de Cervo, Cervo, Lugo.

A Maruxaina? Uns din que é unha sirena que ten envexa das mulleres dos mariñeiros…Outros din que ela lles avisa dos temporais da mar.

Sexa como for, San Cibrao decidiu escenificar a lenda, que conta que A Maruxaina foi arrestada e xulgada, con esta festa que se celebra desde 1985. A representación comeza un pouco antes da medianoite, e para ambientala apáganse as luces do pobo e os presentes vístense con roupas antigas. Os homes entran no mar ”na  busca” da Maruxaina facendo soar cornos e bucinas para non escoitar o canto desta sirena. Estes regresan á praia coa figura da ninfa e, no medio de fogos artificiais, a sirena é conducida á praza do pobo para ser xulgada. Pero… Que pasa logo coa Maruxaina? Esperamos a que o vexas en persoa!

 

Festa do mexillón e do berberecho  

11 e 12 de agosto – Vilanova de Arousa, Pontevedra.

O mexillón e o berberecho constitúen gran parte da industria local de Vilanova de Arousa, por iso é polo que se lles rende homenaxe nesta festa o fin de semana do 11 e 12 de agosto. No decurso das celebracións, despáchase una grande cantidade de quilos deses deliciosos moluscos que poderás degustar cos mellores viños.

 

Festa do Polbo do Carballiño

Domingo, 12 de agosto – O Carballiño, Ourense.


O polbo é o anfitrión desta festa gastronómica, unha das máis importantes de Galicia. Arredor de 70.000 persoas achéganse cada ano ao Carballiño para degustar ese manxar e cocíñanse preto de 40.00 quilogramos, aínda que tamén se pode degustar caldo, carne ao caldeiro, empanada viño do Ribeiro, pan de Cea e a tradicional queimada. Tampouco faltan as famosas canas de crema do Carballiño (riquísimas).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *