Que facer en Galicia do 27 de agosto ao 2 de setembro?

Deixámosvos os acontecementos máis significativos desta semana, para que poidades anotar na axenda os que máis vos apeteza coñecer. Vaise terminando o verán, pero as festas en Galicia continúan.  

 

Romaría de San Ramón de Bealo

30 de agosto ao 3 de setembro – Bealo, Boiro, A Coruña.

Coa fertilidade como epicentro, esta romaría campestre, que se celebra desde 1756, ten como escenario un enclave histórico cheo de petróglifos e outros vestixios históricos: O Campo dos  Outeiriños. Unha razón máis para achegarse a pedirlle a San Ramón un embarazo ou un parto sen complicacións.

 

Feira Franca de Pontevedra

Do 31 agosto ao 2 de setembro – Pontevedra.

Como cada primeira fin de semana de setembro desde o 2000, Pontevedra viaxa ao século XV para celebrar a súa  Feira Franca. Esta arraigada festa toma o seu nome do privilexio que concedeu Henrique IV á cidade en 1467, que lle permitía celebrar un mercado libre de impostos durante un mes. Os visitantes, disfrazados de época, gozan de postos de comida, artesanía, música… todos eles construídos empregando só materiais dispoñibles na época representada: a segunda metade do século XV. Un plan perfecto para despedir o verán!

 

Festa do Pan de Neda

Domingo 2 de agosto – Parroquia de Neda (San Nicolás), Neda, A Coruña.

Este domingo alcánzase a XXX edición da Festa do Pan de Neda, que recuperará nesta ocasión o seu tradicional concurso de empanadas. Artesanía e música daranse cita no Paseo Marítimo da localidade, co pan, empanadas e repostería como principais protagonistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *