O mes de agosto vai chegando ao seu fin, non así as festas de interese turístico da nosa comunidade. Resumímosche unha vez máis os acontecementos festivos que terán lugar ao longo desta semana. Así que vai coller a túa axenda e empeza a organizar os teus días libres, porque estes días tes todas estas opcións para escoller:
Festa da Anguía e Mostra da Caña do País
24 ao 25 de agosto – Valga, Pontevedra.
Chega a Valga como cada ano a festa de exaltación da anguía e do augardente de caña. No decurso da festa, poderás degustar anguía en diferentes preparacións: en empanada, frita, guisada con patacas, rebozada, en escabeche ou á Bela Otero (con arroz). En canto ao augardente, a axenda inclúe unha mostra de augardentes tradicionais, así como cun concurso de augardentes branca, tostada e de herbas. Ás 0:00 do sábado 25, celebrarase unha queimada gratuíta para todos os asistentes.
O domingo é o día grande de festa e comeza coa lectura do pregón e a entrega de premios aos gañadores da Mostra da Caña.
Festa “da Istoria” en Ribadavia
24 e 25 de agosto – Ribadavia, Ourense.
Ribadavia volve ao pasado para celebrar a súa coñecida festa medieval. Para gozar ao máximo, é recomendable meterse no papel e ir disfrazado ao estilo medieval. Se non tes disfrace, non pasa nada, a organización da festa dispón de miles de traxes para alugar.
Para completar o regreso ao pasado, todas as compras fanse empregando maravedís, que poderás cambiar nunha oficina instalada no Concello de Ribadavia.
Hai un gran programa de actividades, desde xogos para nenos e xadrez infantil vivinte, ata loita de cabaleiros, bailes de damas, voda xudía, demostracións de cetraría, tiro con arco, etc.
Tes toda a información en http://www.festadaistoria.com/
O Naseiro
24 ao 28 de agosto – Parroquia de San Pedro de Viveiro , Viveiro, Lugo.
Casetas, tendas de campaña, postos e mercadiño, escenarios e atraccións, enchen a parroquia de San Pedro de Viveiro, nesta festa tamén coñecida como a “ festa do bo xantar”.
Polbo, marisco, doces, carnes, sardiñas e caldo consómense masivamente, ao son da música das gaitas e das charangas polo día, e da verbena pola noite.
Completa o programa das festas o tradicional descenso do río Landro, unha competición con embarcacións e vestimentas extravagantes e sobre todo, moito sentido do humor.
Pull&Bear Pantín Classic Galicia Pro
24 de agosto ao 2 de setembro – Praia O Rodo, Pantín, Concello de Valdoviño. A Coruña.
Durante esta semana celébrase un dos eventos de surf máis importantes de Europa ao que todos os anos acoden algúns dos mellores surfeiros do planeta como Josh Kerr, Silvana Lima, Coco Ho, William Cardos, etc. Trátase do único evento de surf profesional internacional que se celebra en España, un dos poucos que se celebra a este nivel en Europa e o terceiro máis antigo a nivel internacional.
Se che gusta este deporte, esta é a túa ocasión de gozalo en directo. Tes toda a información do evento en: http://www.pantinclassic.org
Folión de Carros
Sábado, 25 de agosto – Chantada, Lugo.
Como o seu propio nome indica esta festa ten como acto central un desfile de carros tirados por bois, nos que se representan escenas de oficios tradicionais e de labores agrícolas. Amenizado coa actuación de gaiteiros e banda, ao desfile séguelle o pregón e unha verbena na praza de Santa Ana.
Festa do Viño do Condado do Tea
26 ao 28 de agosto – Salvaterra de Miño, Pontevedra.
A festa celébrase na magnífica Fortaleza de Salvaterra na que poderás gozar dos mellores caldos desta subzona da D.O. Rías Baixas, produtos gastronómicos do mar, do río e da terra, mentres escoitas os concertos que se ofrecen nas noites gastronómicas. O domingo danse a coñecer os gañadores dos premios aos mellores viños do ano.