Que facer en Galicia a semana do 5 ao 11 de agosto

O ambiente festivo volverá propagarse esta semana por toda Galicia, desde Cervo ata A Guarda. Gastronomía, historia, lenda, deporte e música conviven na axenda dos actos máis destacados. 

 

Festa do Monte

11 de agosto. A Guarda

Un ano máis os veciños da Guarda botan a vista cara a Santa Trega para celebrar a súa tradicional Festa do Monte. Nos días previos haberá actividades como campionatos e música de bandas mariñeiras, que desfilarán polas rúas da localidade. Pero o día grande será o domingo coa subida ao monte para gozar dun día de festa e comidas ao aire libre.

 

Mercado Medieval de Mondoñedo

Do 9 ao 11 de agosto. Mondoñedo

Case 150 postos (principalmente de artesanía e gastronomía), música e espectáculos de inspiración medieval serán os grandes atractivos desta festa que suma xa 28 edicións. O Mercado Medieval de Mondoñedo permitirá a veciños e visitantes viaxar atrás no tempo.

Máis información aquí

 

Festa da Maruxaina de San Cibrao

10 de agosto. Cervo

A lenda dunha serea que habita nun castelo mergullado fronte ás costas de San Cibrao é a orixe desta celebración coa que os veciños do municipio lucense de Cervo festexan a súa relación co mar. A praia do Torno serve de escenario aos actos, que alcanzarán o seu momento central co desembarco da Maruxaina entre fogos de artificio, o xuízo e a queimada popular. 

Máis información aquí

 

Descenso do Miño

10 de agosto. Tui e Salvaterra de Miño

O leito do río Miño converterase este sábado nun fervedoiro de kaiaks. A celebración dos descensos Internacional e Popular do Miño congregará a centenares de padeeiros nesta competición que combina deporte e natureza. A proba internacional, que suma xa 48 edicións, desenvolverase entre os municipios de Salvaterra de Miño e Tui, mentres que a Popular, que cumpre 9 anos, terá lugar só en augas do segundo municipio.

Máis información aquí

 

Festival Revenidas

Do 9 ao 11 de agosto. Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa)

A aposta pola música feita en Galicia é o aceno de identidade do festival de Vilaxoán. Os asistentes poderán gozar de tres días de concertos e ver a grupos como Desakato,  Hard GZ, Flow do Toxo, Skacha, El Niño de la Hipoteca, Nao, Doctor Krápula, Los Jinetes del Trópico, Bastard on Parade y Leo Arremecághona, entre outros.  

Máis información aquí

 

Festival Noroeste

Do 6 ao 11 de agosto. A Coruña

Máis de 80 bandas e artistas converterán a cidade da Coruña nun gran festival musical ao aire libre. A mítica roqueira Patti Smith é a cabeza de cartel desta cita que levará tamén ata a praia de Riazor e outros espazos da cidade a Nathy Peluso, Anni B Sweet,  Soleá Morente, Júlio Resende, Paco Ibáñez ou Os Punsetes.

Máis información aquí

 

Música con sabor estival

7, 8, 9 e 10 de agosto. Vigo e Sanxenxo

O programa de concertos do auditorio vigués de Castrelos chega á súa fin coa actuación dun dos artistas españois máis internacionais: David Bisbal (xoves 8). En Sanxenxo, o Maestral Music Festival aínda ten moito que ofrecer. Esta semana as citas serán co humor de Santi Rodríguez (martes 6) e a música de Rulo y la Contrabanda (xoves 8), David Reed (venres 9) e Andrés Balado (sábado 10).

 

Festa do  Mexillón e  do Berberecho

Do 8 ao 11 de agosto. Vilanova de Arousa

Un cuarto de século cumpre este ano a Festa do Mexillón e ou Berberecho de Vilanova, unha celebración para gozar co padal. 

 

Festa do Pulpo do Carballiño

11 de agosto. O Carballiño

A localidade ourensá do Carballiño reivindica un ano máis a súa condición de lugar de referencia para a degustación do polbo coa celebración da súa popular festa gastronómica. A cita, que reunirá a milleiros de persoas no parque municipal para saborear o rico cefalópodo, é unha festa de interese turístico nacional e nesta ocasión estará dedicada a Asturias.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *