O mellor cinema internacional, veladas de jazz e blues e festas de gran tradición e con aroma de castañas centran as propostas da axenda para esta semana.
Magosto en Ourense
Do 8 ao 11 de novembro. Ourense
O Magosto é unha das celebracións máis emblemáticas da cidade de Ourense. De feito, foi declarada Festa de interese turístico. Este ano o programa que se desenvolverá desde o xoves ata o luns da próxima semana inclúe unha vintena de actividades, entre as que destacan os concertos de Brañas Folk, Susane Seivane, Leilía e Os de Abaixo.
Máis información aquí
San Martiño en Moaña
9, 10 e 11 de novembro. Moaña
A localidade pontevedresa de Moaña disponse xa a honrar ao seu patrón, San Martiño, cunha festa declarada de interese turístico. O día grande será o vindeiro luns, pero durante a fin de semana celebraranse xa diversos actos, incluídos os dedicados á Virxe do Carme. Haberá actuacións musicais e magostos.
Máis información aquí
Cineuropa
A partir do 7 de novembro. Santiago de Compostela
A 33 edición do festival Cineuropa chega con algunhas novidades tanto organizativas como de contido. Os documentais terán unha maior presenza na programación, os filmes de animación dispoñerán dunha sección propia (Animeuropa) e a porcentaxe de obras dirixidas por mulleres crecerá ata o 40%.
Máis información aquí
Festival de Jazz de Lugo
Do 9 ao 16 de novembro. Lugo
O jazz regresa esta semana á cidade da Muralla co arranque dun festival que está a piques de cumprir tres décadas de vida. Andrea Motis Quintet (sábado 9) e Projecto Miño, o grupo encabezado por Baldo Martínez (domingo 10), serán os encargados de poñer a música esta fin de semana.
Máis información aquí
Outono Códax Festival
9 de novembro. Santiago de Compostela
A novena edición deste festival consagrado á música negra ofrece unha sesión dobre este sábado. En horario matinal haberá unha charla coloquio e unha sesión vermú e xa pola noite será a quenda de The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood e Los Torontos.
Máis información aquí