Que facer en Galicia a semana do 28 de outubro ao 3 de novembro

O tránsito de outubro a novembro é sinónimo de festa en toda Galicia. As castañas e o Samaín conviven nunha axenda na que tamén haberá espazo para o teatro, o rock e as feiras máis tradicionais.

 

Feira dos Santos

1 de novembro. Monterroso

Os veciños de Monterroso celebrarán este venres unha das citas máis importante do seu calendario anual, a Feira dos Santos. As orixes desta xornada de mercado e degustación remóntanse ao ano 1450. Desde o 2011 goza ademais das consideración de Festa de Interese Turístico.

Máis información aquí

 

FIOT

Ata o 3 de novembro. Carballo

O Festival Internacional  Outono de Teatro chega á súa fin esta semana. Antes de baixar o pano ata o próximo ano o público poderá gozar da posta en escena de “Fariña” e asistir á entrega do galardón Xograresa de Outono á actriz Patricia de Lorenzo. 

Máis información aquí

 

Castañazo Rock

1 e 2 de novembro. Chantada

Os festivais musicais tamén son para o outono. Así o demostran en Chantada co seu  Castañazo Rock, unha cita que encherá de música a localidade durante dous días. SFDK, Koma, Deus Ke Te Crew, Skacha, Ezetaerre e Huntza amenizarán a velada do venres 1 e Soziedad Alkohólika, Narco, Nao, Auxili, Balkan Bomba e Mekánika  Rolling Band farán o propio o sábado 2.

Máis información aquí

 

Festa da Castaña e do Cogumelo de Riós

2 e 3 de novembro. Riós

Roteiros, talleres, xogos infantís, degustacións, un magosto popular, concursos e música. Todo isto é o que ofrecerá durante dúas xornadas a vixésimo quinta edición da  Festa da Castaña e do Cogomelo de Riós.

Máis información aquí

 

Festa da Castaña do Courel

2 de novembro. Seoane (Folgoso do Courel)

32 anos suma xa a Festa da Castaña do Courel, unha celebración que este sábado volverá congregar a numerosas persoas no lugar de Seoane. Haberá un magosto tradicional con degustación gratuíta de castañas e viño, talleres, postos de venda de produtos locais e artesanía, e actuacións musicais. A festa foi declarada de Interese Turístico no 2013.

Máis información aquí

 

Samaín

Entre o 31 de outubro e o 3 de novembro. Por toda Galicia

Castañas, disfraces, talleres para os máis pequenos, música… Con estas e outros propostas municipios de toda Galicia celebrarán estes días o Samaín. Moitos dos festexos están previstos xa para o xoves 31, aínda que noutros casos terán lugar o venres 1, o sábado 2 e o domingo 3. 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *