Castañas, cogomelos e celebracións tradicionais volven convivir na axenda desta semana co mellor jazz e as propostas cinematográficas máis interesantes.
Magosto en Ourense
11 de novembro. Ourense
Despois de varios días de festexos, o Magosto ourensán toca a súa fin o luns 11, día de San Martiño, con degustación de castañas, animación nas rúas e a música dos de Abaixo. Será a última oportunidade de gozar este anodesa festa declarada de interese turístico.
Máis información aquí
San Martiño
11 de novembro. Moaña
As celebracións na honra a San Martiño estendéronse durante a fin de semana por toda Galicia, pero o día central dos actos será o luns 11. Os actos relixiosos, as actuacións musicais e outras propostas diversas sucederanse durante toda a xornada en localidades como Moaña, onde este festexo goza da consideración de festa de interese turístico.
Magosto no Gaiás
16 de novembro. Santiago de Compostela
A Cidade da Cultura celebrará o sábado 16 o seu propio magosto. A tradicional degustación de castañas (tanto asadas como en diferentes petiscos) dará paso á actuación do gaiteiro Anxo Lorenzo.
Máis información aquí
Festival de Jazz de Lugo
Ata o 16 de novembro. Lugo
Os concertos da vixésimo novena edición do Festival de Jazz de Lugo proseguirán durante toda a semana. Carola Ortiz Quartet e Airelle Besson Quartet (luns 11), Karrin Allyson (martes 12), The Dirty Dozen Brass Band (mércores 13), Ron Carter Foursight” Quartet (xoves 14), Larry Goldings, Peter Bernstein & Bill Stewart (venres 15) e Naughty Professor, Wealman e Paris Monster (sábado 16) poñerán a música.
Máis información aquí
Cogomelos e castañas
16 e 17 de novembro. Varios municipios
As castañas e os cogomelos seguen demostrando que son as raíñas da gastronomía outonal en Galicia. Esta fin de semana celebraranse magostos e xornadas micolóxicas en numerosos municipios de Galicia. Consulta as axendas de actos da túa zona e súmate a estas saborosas propostas.
Cineuropa
Toda a semana. Santiago de Compostela
As proxeccións do festival Cineuropa proseguirán durante toda a semana en diversos puntos de Santiago de Compostela como o Teatro Principal, o Salón Teatro, Cinema Numax, os Multicines Compostela e o Museo das Peregrinacións.
Máis información aquí