Fagamos que a volta á rutina sexa algo máis levadía e sigamos gozando cos festivais e festas que se aveciñan esta semana. Unha boa fusión de rock e tradición popular para a axenda semanal do 10 ao 16 de setembro.
WOS Festival x SON Estrela Galicia
Do 12 ao 16 setembro – Santiago de Compostela, A Coruña
A V edición do festival promete un ano máis un programa no que conviven concertos, cinema, performances, coloquios e charlas no corazón do centro urbano e histórico de Santiago de Compostela. Un encontro multidisciplinar que promove diferentes propostas artísticas e culturais coa música como fío condutor do encontro. Non quedes sen entrada e consulta o programa completo na súa web: https://wosfestival.workonsunday.es/
Freixo Rock
Do 14 ao 15 setembro – Vigo, Pontevedra
Un festival de rock que se celebra no Freixo (Vigo) no que ademais de gozar dunha zona habilitada para a acampada poderás mergullarte no misterio do rock grazas ás actuacións previstas para o encontro. Con Josetxu Piperrak & The Riber Rock Band como cabeza de cartel, ao Freixo Rock 2018 súmanselle as actuacións de Arkada Social, Demencia Sonora ou Falperrys, entre outros. Mantente ao tanto de toda a información no evento oficial: Freixo Rock 2018
Fene Rock 2018
Do 14 ao 16 setembro – Fene, A Coruña
Este festival que nace nun principio como homenaxe a un guitarrista da zona chamado Félix García Beceiros, foise consolidando co tempo e ano tras ano atrae a máis visitantes. Baixo carpa e con entrada libre, Wyoming & Os Insolventes e outras nove bandas amenizarán con música o paseo marítimo desta localidade. Segue todas as noticias relativas ao encontro no evento oficial do festival: Fene Rock 2018
Rianxo on Fire
Venres 14 de setembro – Rianxo, A Coruña
Festival gratuíto que na súa 6º edición trae de novo un cartel ecléctico no que veremos as actuacións de grupos como Collón DE Lola, CROMER, Liquen, Little Juice e Daro Deejay. Moita diversión e ritmo que poderemos atopar a partir das 22:00 na Praza de Rafael Dieste en Rianxo. Poderás atopar as últimas novidades e noticias sobre o festival na súa páxina de Facebook: Rianxo on Fire
Rock is Dead Fest
Sábado 15 de setembro – Santiago de Compostela, A Coruña
Un festival rock para adultos e pequenos no que, ademais de atopar boa música, pódese gozar de actividades, talleres ou demostracións que pretenden achegar a cultura local ás familias. Destaca o“ Xan Session” no que máis de 150 músicos galegos ofrecerán un concerto atípico que ten como obxectivo principal fortalecer a cultura musical galega. Decátate de todo na súa páxina web: http://rockisdeadfest.com/
Festival do Leite
Sábado 15 de setembro – Pontevedra
A 3ª edición deste festival celébrase este ano na cidade de Pontevedra co fin de fomentar e dar a coñecer a industria do leite en Galicia. Igual que nas edicións anteriores, poderase gozar exclusivamente de música de bandas e artistas galegos. Ademais, os máis pequenos poderán unirse ás actividades relacionadas co teatro, o circo ou a maxia. Podes atopar toda a programación na súa páxina de Facebook oficial: Festival do Leite 2018
En familia, en solitario ou con amigos… a semana máis rockeira xa está aquí. Que plan prefires?