Os mellores plans para facer con choiva

Non podemos escapar da choiva. É intrínseca á nosa terra. Por algo será que o galego ten máis de cen palabras distintas adicadas ao fenómeno. Mais, precisamente por iso, sabemos ben que a choiva non é impedimento para facer un bo plan, mesmo ás veces gózase mellor de certas actividades se cae un pouco de auga. Ademais, nunca choveu que non escampse…

Por exemplo, por que non aproveitar para poñérmonos ao día en temas artísticos? Ademais das exposicións nas galerías e nas fundacións das principais cidades, temos varios museos e centros que programan arte contemporánea como o MARCO de Vigo, o CGAC de Santiago, o a Cidade da Cultura, en Santiago tamén. Todos con boas bibliotecas de arte e vida máis alá das exposicións: seminarios, proxeccións, concertos… 

Un pouco de arte e… un pouco de ciencia: gran complemento. Entretemento e coñecemento polos museos científicos e interactivos repartidos por Galicia. Museos científicos coruñeses: Casa das Ciencias, Domus, Aquarium Finisterrae; MUNCYT (A Coruña); Museo do Mar (Vigo), Museo Interactivo da Historia de Lugo; Exponav (Ferrol); Naturnova (Vigo); Museo de Historia Natural (Santiago de Compostela).

Se non pinga moito, porque tampouco é o caso de meternos caendo auga a chuzos, podemos darnos un bo baño… De auga quentiña, claro. O turismo termal baixo a choiva ten moito encanto, paga a pena probalo. Hai boas termas en Outariz (Ourense) ou en Preixigueira (Ribadavia), por exemplo. Se preferimos algo máis sofisticado, con máis servizos e terapias de saúde ou beleza, sen saír da auga, podemos acudir a un balneario (Mondariz, Caldas de Reis, Lugo…), un spa ou un talaso (Sanxenxo, Oia, O Grove…). Nada mellor para relaxarse. (Outra opción máis aventureira é o buceo).

E, se estamos ata o moño de auga e de choiva, por que non esquecernos de todo baixo terra? É boa ocasión de apostar polo turismo subterráneo, ou mellor dito arqueolóxico, visitando xacementos romanos. Podemos baixar ao centro Salinae de Vigo, única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano, que xa é. En Lugo, a uns metros debaixo da cidade, viaxamos 2.000 anos atrás e nos atopamos na Domus do Mitreo, os restos dunha importante domus romana con templo adicado a Mitra incluído, ademais dos cimentos da muralla, claro. Na mesma cidade hai outra domus musealizada: a Casa dos mosaicos.

Seguindo coa arqueoloxía, non esquezamos o PAAR (Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro), co monte cheo de petróglifos, e mesmo a recreación dun poboado da Idade de Bronce. Ademais de enterarnos da prehistoria de xeito moi didáctico e entretido no museo, sempre hai obradoiros ou actividades que nos fan o plan redondo.

Ben, tampouco hai que meterse en sitios todo o tempo, que hai chuvasqueiros, catiúscas e paraugas. Unha andaina por algún dos pazos, mosteiros ou castelos, sobre todo con xardíns de camelias, que disque se potencian coa choiva, é outro bo plan. Exemplos?: mosteiro cisterciense de Oseira, en San Cristovo de Cea (e de volta nos traemos un pan); o de Sobrado, en Terra de Melide (e aproveitamos para traernos un queixo) ou o Pazo de Oca, famoso polos seus xardíns, no val do Ulla (de aquí, o viño).

Un plan típico que nunca falla é ver chover en Santiago. É así. Din que é como realmente se coñece a alma da cidade, que senón lle falta algo. Os reflexos na pedra, os soportais, o aire romántico… E se cae arreo, entramos unha vez máis na catedral, que nunca cansa. A Mondoñedo pásalle un pouco o mesmo. E a Betanzos… Hai cidades que se teñen que ver con choiva, como Seattle.

Tanto patear… E que pasa co turismo gastronómico? E co enoturismo? Hai que recompoñer os corpos despois das molladuras. Cáseque en calquera época do ano temos unha boa feira para catar o produto da terra e de paso coñecer sitios novos. Cando chove, baixo carpa, non hai problema. Feiras do queixo, do mel, da castaña, do cogomelo, dos callos, do butelo… de todo. Se queremos afondar no tema, tamén hai centros de interpretación e museos: Museo etnográfico do Pan, en Sarria; Centro de divulgación do queixo e do mel, en Arzúa; Centro de interpretación do Viño e da Lamprea, en Arbo; Centro de interpretación da castaña, en Riós, Ourense…

Por certo, que en canto ao turismo do viño, ademais de poder gorecernos nas adegas e saciar os apetitos, os catamaráns cubertos da Ribeira Sacra permiten facer interesantes excursións aínda que chova un pouco.

E para rematar, podemos saír de casa e meternos noutra casa, cotilleando un pouco na vida doutras xentes e doutras épocas. Referímonos ás casas-museo, claro, non ás dos veciños. Aquí vai unha selección: a de Rosalía de Castro, en Padrón; a de Pardo Bazán, na Coruña; a de Picasso neno, na Coruña tamén; a de Cabanillas, en Cambados; a Casa dos Poetas, en Celanova; a de Otero Pedrayo, en Cimadevila, Ourense; a de Pondal, en Ponteceso; a de Cunqueiro, en Mondoñedo… Mesmo hai quen ten máis dunha, como Valle-Inclán: unha en Vilanova de Arousa e outra na Pobra do Caramiñal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *