Lugo volve vestirse de festa para gozar dunha celebración cuxa fama hai tempo xa que traspasou os límites da súa muralla para converterse nunha cita de referencia en toda Galicia. Non en balde, foi declarada festa de interese turístico tanto galego como nacional. Como dixo Álvaro Cunqueiro: o San Froilán é a festa máis bonita do outono galego, e un ano máis a cidade tentará demostrar que o escritor non esaxeraba. Farao cun amplo programa de actividades, co característico sabor do polbo das súas famosas casetas e co aliciente engadido do rico patrimonio histórico que servirá de marco a toda a celebración.
Conta a lenda que San Froilán logrou coas súas palabras amansar un lobo famento e convertelo no seu compañeiro de viaxes. No caso da celebración na súa honra como patrón da cidade, serán os concertos o prato estrela do menú co que os organizadores saciarán a gana de diversión do público. Entre os presentes non haberá só habitantes de Lugo e dos seus arredores, senón tamén veciños doutros moitos puntos de Galicia que teñen a celebración marcada en vermello nos seus calendarios.
Durante os nove días de festexos (do 4 ao 12 de outubro) haberá medio cento de actuacións musicais que serán repartidas entre a Horta do Seminario (as 6 atraccións principais), a praza de Santa María (27 propostas) e outros espazos da cidade (16 concertos). As agrupacións locais terán un protagonismo especial durante todo o San Froilán compartindo cartel con destacados artistas da escena galega, estatal e internacional, representantes dos estilos máis variados. Sés, Dulce Pontes, La Habitación Roja, Los Enemigos, Familia Caamagno, Don Patricio, NAO, Ray Gelato & The Giants, Tanxugueira, e Def con Dous son algúns dos integrantes do nutrido cartel do San Froilán 2019.
Ademais, para repoñer forzas, a ampla oferta da hostalería local verase reforzada un ano máis polas tradicionais casetas, onde o prato estrela será o polbo. Pasarse polo campo da feira e dar boa conta dunhas saborosas racións do popular cefalópodo é outra das citas coas que todo o que asiste ás festas de Lugo debe cumprir. Non faltarán tampouco as propostas centradas no público infantil, agrupadas baixo a denominación de San Froilanciño, e outras actividades xa clásicas, como as que se desenvolverán o Domingo das Mozas en homenaxe á música e os traxes tradicionais galegos.
E para quen queira evadirse un intre da festa, Lugo ofrécelle un rico patrimonio arquitectónico e histórico co que deleitarse. Pasear pola muralla, relaxarse en calquera das prazas da cidade, penetrar na súa Catedral ou visitar outros espazos como o Museo Provincial de Lugo e as termas son só unha pequena mostra dos outros alicientes dunha celebración que volverá converter o arranque do outono en sinónimo de festa.
Máis información aquí.