Rubén González – El Cafetín de la Alameda
Rubén González, xefe de cociña de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra) sabe ben a dura competencia á que se enfrontan os finalistas do certame De Tapas por Galicia neste 2022. El mesmo resultou gañador xa en dúas edicións, grazas ás súas creacións orixinais e sorprendentes, sempre cun pé no produto de calidade o outro na teatralidade e o simbolismo.
Nesta ocasión, a súa receita non é menos evocadora. Leva por nome Mare Nostrum, e semella un pequeno anaco de océano contido nunha mínima peixeira. Non lle falta de nada: é un bocado de puro sabor baseado na cocción no punto exacto do mexillón e o berberecho, “dous produtos dos máis importantes que temos en Galicia”, en palabras do cociñeiro. Acompáñanos unha selección de algas e herbas mariñas galegas e de fóra, coma o ramallo de mar, o carrapucho, a wakame ou a Kombu, con pan mariñeiro, trigo e elementos máis frescos coma o porro, a lima ou a cebola. O toque teatral final, marca da casa, é unha espuma de aire mariño que evoca o bater das ondas atlánticas.
“Xogamos sempre co produto e coa posta en escena”, recoñece González, “porque a presentación é moi importante e nos concursos a xente vén para divertirse”. E tamén se divirte el en citas como De Tapas por Galicia: “É un orgullo poder participar de novo. Estar aí xa é un premio en si mesmo, vernos cos mellores cociñeiros de toda Galicia. Hai moito nivel e cada ano é máis complexo. Ademais, compartir esa velada cos colegas de profesión é moi satisfactorio”.
A Rubén González a cociña vénlle no sangue. Naceu nunha familia de oficio hostaleiro e curtiuse en fogóns coma os do Parador de Baiona ou o Cenador de Salvador Gallego, en Madrid. Hai uns anos reflotou El Cafetín, varado no centro da Alameda e agora convertido nun dos lugares de referencia para os foodies da cidade. A medio camiño entre a zona vella, con esas prazas pétreas tan pontevedresas, e o núcleo comercial da capital provincial, en pleno paso do Camiño Portugués, o restaurante é un lugar ideal para comezar unha ruta turístico-gastronómica por unha cidade abarcable e amable para o visitante.