Case sen tempo de despedir o mes de xaneiro, o ambiente de entroido comeza a deixarse notar xa naquelas localidades de Galicia que fixeron desta celebración todo un acontecemento cultural, etnográfico e festivo. O resultado de meses de esforzo e traballo colectivo empezará a dar os seus primeiros froitos co arranque dunha celebración que presume de ser a máis extensa de toda Europa e que ademais desde o ano pasado goza da consideración de festa de interese turístico internacional: o Entroido de Xinzo de Limia.
Será un mes repleto de actos nos que as rúas da localidade volverán ser tomadas por unha personaxe singular erixida xa en símbolo central da celebración: a Pantalla. A peza principal da súa indumentaria é unha máscara que encarna a sátira e a autoridade e que confire a quen a leva un status especial. As Pantallas portan campás, cascabeis e vexigas de animais infladas que golpean producindo un ruído moi característico. Súa é a responsabilidade de velar por que todo o mundo vaia disfrazado durante algunhas das xornadas centrais dun Entroido que este ano presenta varias novidades.
A primeira data sinalada en vermello do seu calendario será a do 1 de febreiro, Sábado do Petardazo, que servirá para marcar o comezo das celebracións. O “chupinazo” inicial, o discurso das autoridades e unha noite de música e festa nas rúas quentarán o ambiente para o primeiro domingo monográfico deste entroido tan emblemático: o Domingo Fareleiro (2 de febreiro). Durante esa xornada dominical, veciños de todas as idades reuniranse na praza Maior para librar, armados con fariña ou farelo, unha divertida batalla cuxas orixes entroncan con ritos ancestrais.
A seguinte fin de semana volverá haber celebracións por partida dobre. O Sábado do Colgamento do Meco (8 de febreiro) as rúas de Xinzo encheranse cun desfile no que o Entroido, representado polo Meco, será levado en procesión mentres é obxecto de todo tipo de burlas por parte do público. Corazas, Fachóns, o Touro do Entroido, os Gordos e os Homes de Palla serán os integrantes da súa peculiar comitiva. Un día despois será a quenda da singular competición de lanzamento de olas de barro cheas de fariña do Domingo Oleiro (9 de febreiro), unha celebración que orixinalmente non formaba parte do ciclo do Entroido e que garda similitudes con festexos que teñen lugar noutros puntos de España e de Portugal. Para ese día está prevista tamén unha das novidades do programa deste ano: o Baile de Mascaritas, unha celebración tradicional que permaneceu catro décadas no esquecemento.
A terceira fin de semana do Entroido de Xinzo terá como cita máis sinalada a do Sábado Corredoiro (15 de febreiro), a festa feminina por excelencia desta celebración. Elas serán as protagonistas dunha velada na que se reunirán para cear e saír de festa, aínda que tampouco faltarán os homes que se vestirán de muller para poder participar tamén. Ao día seguinte será o Domingo Corredoiro (16 de febreiro).
O venres 21 estará dedicado aos máis pequenos, o sábado 22 haberá comparsas, e o ambiente festivo e de disfraces proseguirá o domingo 23 e o luns 24 co animado acompañamento das charangas.
Tradicionalmente, o Martes de Entroido (25 de febreiro) era unha das xornadas máis multitudinarias do programa festivo polo espectacular desfile de charangas, comparsas e carrozas, pero o ano pasado tivo que ser aprazado ao domingo seguinte por mor da choiva e o cambio tivo tan boa acollida que este ano os responsables da organización decidiron repetir a experiencia. O Mércores do Cinza (26 de febreiro) comezará a despedida do entroido co Enterro da Sardiña, unha celebración na que os prantos polo final da festa convivirán coas risas que espertarán unhas divertidas coplas sobre a actualidade local impregnadas de sátira.
O fin de festa, ata o ano próximo, chegará co Domingo de Piñata (1 de marzo) e a última presenza nas rúas de Xinzo das súas famosas Pantallas. Será unha xornada de música, baile, ricos sabores e, por segundo ano consecutivo, de desfile de carrozas, charangas e comparsas.
Concluirá así un intenso mes que poñerá ao alcance de quen queira sumarse á festa numerosas ocasións para facelo. Xa sabes cando o farás ti?