Jorge Gago (A Maceta, Santiago) e Rubén González (El Cafetín, Pontevedra) gañan o certame De Tapas por Galicia

Jorge Gago (A Maceta, Santiago de Compostela) e Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra) son os mellores cociñeiros De Tapas por Galicia deste 2022. Os dous xefes de cociña recibiron os premios do xurado e do público, respectivamente, na gala showcooking organizada por Turismo de Galicia que se celebrou esta noite no Hotel San Francisco de Compostela.

A xornalista María Solar foi a encargada de conducir o acto, ao que asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor. No evento competían Jorge Gago, do restaurante A Maceta (Santiago); Daniel Bastos, do restaurante El Italiano Feo (Vigo); Gabi Conde‐Corbal, de Portovello (Ourense); José Luis Pardo Baamonde de El Boni (Lugo); Pablo Fuentes, de La Bodega de Estrella (Ferrol); Rubén González, de El Cafetín de la Alameda (Pontevedra); e Álvaro Victoriano, de Intenso Cocina Peculiar (A Coruña), gañadores dos concursos de tapas das sete maiores cidades.

“Podemos presumir de grandes chef e grandes produtos”, dixo no peche do evento a directora de Turismo, Nava Castro, destacando a creatividade dos cociñeiros de Galicia. “Temos estrelas Michelin, Soles Repsol e, sobre todo, xente que sabe combinar a cociña tradicional e a innovación”. “Síntome orgullosa cando vou fóra de Galicia de presentar as propostas destes grandes profesionais que viven as 24 horas mimando a nosa gastronomía”, concluíu.

Premio do Xurado

A proposta de Jorge Gago (A Maceta, Santiago) foi a gañadora do premio do xurado. Foi a única receita doce da noite, un Cheesecake actualizada a base de puré de framboesa e cereixa endurecido con pectina, sobre o que se deposita, nun molde, a crema da torta de queixo do Cebreiro con pemento, nata e azucre. O galardón decidiuno un grupo de expertos en turismo e gastronomía conformado por Cesáreo González Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Áxel Smyth, chef do restaurante Auga e Sal, en Santiago de Compostela, recentemente distinguido cunha Estrela Michelin; Paco Gómez, xefe de cociña do restaurante A Feira, en Ourense, elixido polo xurado profesional como Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia na gala celebrada no ano 2019; Alejandro Méndez, xefe de cociña do restaurante‐arrozaría Os Cachivaches, de Lugo, elixido polo xurado popular como Mellor Cociñeiro na mesma edición; e Ana Prieto, especialista en fotografía gastronómica e responsable, xunto a Marco Soriano de Tejada, do blog La Cocina es Vida, mellor blog desta temática en 2019 segundo Canal Cocina.

Premio do público

O público asistente á gala galardoou a proposta de Rubén González Vallejo, de El Cafetín (Pontevedra). A proposta de González é unha homenaxe ao mar. Mare Nostrum semella un pequeno anaco de océano contido nunha mínima peixeira. Baséase no mexillón e o berberecho, acompañados por unha selección de algas e herbas mariñas.

O concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal. Os Camiños de Santiago foron o fío condutor da gala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará