A capital de Galicia vístese de festa esta semana para honrar ao seu patrón. As celebracións do Apóstolo Santiago, que comezaron xa en días pasados, afrontan as súas xornadas centrais cun variado programa no que hai propostas para os públicos máis diversos. A continuación ofrecémosche unha pequena guía para sacarlle o máximo proveito a estes festexos.
Para as familias
As do Apóstolo son unhas festas para gozar en familia, xa sexa visitando a Alameda na procura da sombra e das atraccións alí emprazadas, xa sexa internándose nas rúas da cidade para contemplar propostas como o espectáculo de contacontos previsto para o martes ou os cabezudos e xigantes que se deixarán ver o mércores e o xoves. Ademais, se es afeccionado aos vehículos clásicos, poderás contemplalos de preto o sábado e o domingo na concentración de coches antigos que volverá tomar as rúas de Santiago.
Para os amantes da música
A música sempre foi un dos pratos fortes dos festexos da capital galega. Tras as actuacións de Budiño, A Xanela e Xoel López da fin de semana pasada, esta semana arrinca con The Main Squeeze e Jamila Purofilin & Rey Montesinos (luns) e a música non deixará de soar ata o final das festas: La Casa Azul e The Tune (martes), Moon Crista e La M.O.D.A. (mércores), Leilía, Milladoiro e The Soul Jacket (xoves), Tango á rúa e Phantom Club (venres), Wöyza (sábado) e Chico César e Trilitrate (domingo). Tamén actuarán un bo número de orquestras.
Para gozar da cultura
A cultura impregna as rúas de Santiago tal como se encargarán de lembrarnos as visitas guiadas que se desenvolverán o martes, o xoves e o domingo seguindo os pasos de Castelao. Os participantes poderán coñecer así os espazos de Compostela relacionados coa obra e o legado do intelectual galeguista. O xoves tamén se celebrará a Romaría dos Libros e a tradicional misa e ofrenda floral en memoria de Rosalía de Castro.
Para unha noite máxica
A noite do mércores ao xoves chegará un dos momentos máis agardados das festas: os Fogos do Apóstolo. A fachada do Pazo de Raxoi servirá de pantalla a unha espectacular proxección que chegará acompañada de fogos de artificio. Como en anos anteriores, as autoridades despregarán un importante dispositivo de seguridade nos accesos á praza do Obradoiro, así que se queres gozar do espectáculo desde ese emblemático espazo é recomendable que acudas con antelación suficiente e sen mochilas. E se prefires fuxir das aglomeracións, a cidade dispón de miradoiros e outros espazos desde onde tamén é posible ver parte do espectáculo.
Máis información aquí