O 30 de outubro de 1920 é unha data escrita xa con letras de ouro na historia da cultura galega. Ese día era publicado en Ourense o primeiro número da revista Nós, un proxecto que deu voz e canalizou as inquietudes dalgúns dos principais pensadores galeguistas do século XX, agrupados desde entón baixo a denominación de Xeración Nós. A súa historia, o seu legado, o papel que desempeñaron para abrir a cultura galega ao mundo e o proceso de desenvolvemento, renovación e internacionalización da devandita cultura e da lingua galega serven agora de fío condutor a “Galicia. De Nós a nós”, a gran exposición que se pode ver xa na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Máis de 300 pezas fan desta mostra o proxecto expositivo máis amplo e ambicioso dedicado ata a data á Xeración Nós e convértena ademais nunha das principais citas culturais galegas deste outono e inverno. Ademais, colle o testemuño de “Galicia. Un relato non mundo” para converterse na segunda gran exposición que servirá de antesala ás celebracións do próximo ano santo, o Xacobeo 2021.
Un total de 60 institucións, entidades e empresas, públicas e privadas, colaboraron achegando os materiais (algúns deles chegados desde Alemaña, Francia e Portugal) que se dan cita nunha proposta que non renuncia a combinar pezas de gran valor histórico e artístico cos elementos interactivos máis actuais. Todo iso para ofrecer ao espectador unha viaxe que lle permitirá coñecer a identidade e as inquietudes dos integrantes da Xeración Nós, o xerme do proxecto que puxeron en marcha, os elementos que chamaron a súa atención e que converteron en obxecto de estudo e reflexión, e os ecos que aquela iniciativa pioneira tiveron e aínda teñen en Galicia.
O deseño, elevado xa a icona da cultura galega, que Castelao ideou como imaxe da revista e as 134 portadas que foron publicadas durante os seus 17 anos de existencia comparten espazo expositivo con pezas emblemáticas como a espectacular Carta Xeográfica de Galicia elaborada por Domingo Fontán a mediados do século XIX; a maleta da Real Academia Galega que gardaba o poema Os Eoas de Pondal; o álbum Nós de Castelao; a escultura dedicada ao Apóstolo Santiago que garda o museo francés de Morlaix; ou a bandeira e o escudo do Consello de Galicia empregado nas exequias de Castelao.
As pezas expostas foron agrupadas en cinco secciones que axudan a realizar un percorrido cronolóxico e temático pola mostra: Galicia e o mundo antes de Nós; Nós, protagonistas dunha xeración; Nós, historia dunha idea, unha revista; Nós, os contidos, e De Nós a nós. E os sete grandes representantes da Xeración Nós acompañarán aos visitantes no seu percorrido por toda a mostra: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Antón Losada Diéguez, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco.
Ademais, os visitantes teñen ao seu alcance un buscador interactivo para localizar os artigos máis importantes da revista, así como os seus colaboradores máis destacados e os temas máis recorrentes. Tamén ocupa na mostra un papel distinguido o campamento romano Aquae Querquenae, cuxos restos, situados no municipio ourensán de Bande foron escavados por primeira vez por Florentino López Cuevillas. O trazado do campamento inspirou a distribución espacial da exposición e é ademais o eixo doutro dos seus principais atractivos: unha recreación a través de realidade aumentada que permitirá ao visitante internarse nas rúas que dous milenios atrás pisaron os lexionarios romanos.
Alfonso Vázque-Monxardín Fernández, catedrático do IES As Lagoas de Ourense e académico da RAG, e Ana Acuña Trabazo, profesora da Universidade de Vigo e investigadora, son os comisarios da exposición, mentres que o deseñador, infografista e ilustrador Álvaro Valiño é o responsable do seu apartado gráfico. Tras a súa estancia no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura que se prolongará ata o 17 de xaneiro do próximo ano, “Galicia. De Nós a nós” iniciará un percorrido itinerante que xa ten dúas paradas confirmadas: o Centro Cultural Marcos Valcárcel, de Ourense, do 18 de febreiro ao 4 de abril, e o Museo de Pontevedra, do 6 de maio ao 11 de xullo.
Se queres acceder a máis información sobre a exposición, inscribirte nas visitas guiadas, coñecer as restricións de seguridade provocadas pola covid ou descargar materiais promocionais podes facelo visitando a web https://www.cidadedacultura.gal/evento/galicia-de-nos-nos