A pesca do polbo foi, no século XVIII, unha das actividades máis destacadas do porto de Mugardos, e naquel momento, tamén entre os primeiros de Galicia. Tanto é así que a captura deste cefalópodo foi a ocupación case exclusiva da localidade durante décadas xa que, xunto co do Grove, era o máis solicitado nas feiras do interior de Galicia. É, por tanto, o polbo, o seu produto máis típico, e por iso cada ano se lle fai tributo e celébrase unha festa gastronómica na súa honra dentro das Festas do Carme. Máis de douscentos voluntarios de distintas asociacións culturais da vila serven todos os anos arredor de 1200 quilos deste manxar en 3000 racións, cociñadas ao tradicional estilo mugardés: cocendo o polbo e servíndoo acompañado de salsa feita de cebola, pemento verde e pemento vermello. Diferénciase, deste xeito, da receita galega por excelencia: o polbo á feira. Ademais, esta degustación sempre está acompañada da música de charangas que achegan o punto festivo a dita celebración.
Como curiosidade, cómpre destacar que é nos pratos e as cuncas de viño da olería tradicional, coa inscrición do nome da festa e a data, nos que se serven as racións de polbo.
Este ano, a Festa do Polbo de Mugardos chega á súa edición número XXVII e, con ela, dende o Concello da localidade adiantan algúns cambios no formato desta celebración, declarada no ano 2009 Festa de Interese Turístico de Galicia. Tales cambios oriéntanse á procura da excelencia gastronómica como tarxeta de presentación da hostalería local, polo que se incidirá, aínda máis, en rigurosos controis sanitarios e de trazabilidade dos produtos elaborados, así como na coordinación de diferentes profesionais da cociña mugardesa. É por iso que se traballa en cada detalle para recibir mellor ca nunca aos milleiros de persoas que cada ano se achegan a un dos paseos marítimos máis fermosos de todo o litoral galego.
Como cada ano, será o segundo sábado do mes de xullo cando teña lugar esta festa que, ano tras ano, seduce a xente chegada de tódolos recunchos.
Como dicía aquel cantar popular:
“Os da Graña son cintores, os da Redonda canteiros; os de Cervás labradores e os de Mugardos, pulpeiros.”
Así que anotade a data nas vosas axendas e deixarvos levar pola tradición.
Vádelo agradecer.