Desfile de entroidos tradicionais de Galicia. Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2022

Vaia sorpresa levaron turistas e non turistas coa revolución multicolor do pasado  sábado. Non estamos en febreiro, non, mais este desfile de final de verán é un xeito estupendo de achegarnos ao espírito do entroido galego máis tradicional. Case se converte nunha invitación para que vaiamos vivir a festa in situ no inverno. Ademais, é unha ocasión única, que parece sacada dun conto, de ver mesturadas as distintas personaxes (pantallas, galos, xenerais…), que tamén aproveitan para poñerse ao día entre elas.

A cita era na praza do Obradoiro pasado o mediodía, onde a música xa estaba presente desde as dez e media, caldeando o ambiente. Empezaban a reunirse os participantes, tinguindo de cor esta mañá algo anubrada, mentres o público se amoreaba tralos valados.

Desde aquí, entre o son de gaitas, tambores e chocas, partiu a comitiva. O itinerario levaríana polo casco histórico: rúas de Fonseca, do Vilar, praza e cantón do Toural, rúa de Xelmírez, Cinco rúas, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, rúa da Acibechería e praza da Inmaculada, até volver á praza do Obradoiro, principio e fin da festa.

E entón, arrimados ás fachadas das casas, puidemos respirar de cerca os entroidos de Vilaboa, de Verín, de Viana do Bolo, de Xinzo de Limia, dos Xenerais da Ulla, dos volantes de Chantada, das Bonitas de Sande, dos Vellaróns de Riós, das máscaras de Samede, dos Galos da Mezquita, dos Follateiros de Lobios e das Madamitas e Madamitos de Entrimo. Cada grupo, cun cartel co seu nome, para poder identificalos. Preparado todo o mundo? Deixen paso, que comeza o espectáculo!

Unha marea colorida inundou os vellos barrios composteláns, alumando as pedras e arrancando risos, bailes e ganas de entroidar, e iso que ninguén ía disfrazado. Os ecos das músicas e das chocas rebotaban nos soportais, meténdonos o ritmo da tradición.

Desfilaron as pantallas de Xinzo de Limia co seu balbordo, chimpando ao son dos ruidosos globos que batían sen parar. Non globos correntes, senón feitos de vexiga de vaca. Por se non metesen bulla dabondo, as campaíñas dos cintos axudaban cos agudos. As pantallas impoñen, con esa máscara que lembra ao demo, a cresta enroscada toda decorada e a capa curta ben colorida.

Tivemos coidado de non nos adiantar moito cando apareceron os cigarróns de Verín, que viñan zurrando coa zamarra. Con esas caretas e mitras pintadas, brincando con enerxía, estes señores con bigote e garabata tamén fixeron balbordo dabondo coas chocas do cinto, vaia que sí.

E logo, ese potente son de tambores de onde saía? Pois andaban a marcar o ritmo do grupo de Viana do Bolo, que celebra un dos entroidos máis antigos de Galicia. Os boteiros do Bolo levaban unha escura máscara de madeira que metía medo, en contraste co traxe multicolor e cun elevado tocado que debuxaba coloridas formas no aire, feito a base de arame, cartón e papeis de cores. Tamén levaban chocas, e unha moca para dar paso aos folións. Vaia se brincaron!

Os Xenerais da Ulla cabalgaron solemnes polas rúas históricas de Santiago, metidos de cheo no seu papel. Os cascos dos cabalos xa resoaban na pedra do chan compostelán, anunciándoos, e por fin chegaron! Relucentes galóns, pasamanaría dourada, espadas, insignias, medallas… Moitos penachos de cores, mesmo, no curuto do sombreiro, plumas de pavo real, vaia luxo! E os cabalos, adornados coas súas mellores galas entroideiras.

As madamas e os galáns do entroido de Cobres, en Vilaboa, déronlle un toque elegante ao desfile. Ían a cara descuberta e con moitísimos colares. O máis espectacular, os sombreiros, cheos de adornos de cores (flores, plumas, anacos de espello…). Desde logo, hai que entrenar para levar ese peso enriba…

Chegou un momento no que non se sabía se debaixo dos disfraces habería persoas, realmente. Quen eran estes animais con cornos, cubertos de pelicas? Tiñan que ser os peliqueiros do entroido ribeirao, que coa correa de coiro abrían paso aos volantes de Chantada. Os volantes parece que levasen unha sombrilla sobre a cabeza chea de fitas de cores pendurando dela, e con adornos no alto. Este volante é incansable, xira e xira e salta co son dos chocallos, como un remuíño de cor.

As Bonitas de Sande pasearon máis tranquilas, camiñando ao son da gaita. Levaban un sombreiro de madeira ben curioso, adornado con plumas de galiñas, panos e fitas de cores. As caretas eran de tea de arame, cos ollos, cellas, boca e fazulas pintados por riba. Completaban a vestimenta con camisa e garabata, pantalón branco e saia de cores, mantóns de Manila, e polaina negra con axóuxeres. E ollo, ían armadas cunha vara de vimbio. Acompañábaas unha vaca e un oso.

“Vello, vello, vellarrón, mete os cartos no bolsón!”, vaia lema levaban os Vellaróns de Riós na pancarta. Facían un conxunto moi uniforme. Todos coa súa enorme careta de cartón, cun gran nariz e barba de lá ovelleira, e un traxe con moitísimas fitas e flocos de cores, o mesmo que o sombreiro. Mais coidadiño, que ían dándolle ao látigo, habería que agochar ben os cartos, non fose o demo…

Aqueloutros que ían desfilando, de cando en vez parábanse a bailar. Eran as máscaras de Samede, moi elegantes, con sombreiros de plumas e fitas, mantón de Manila e castañolas, que bailaban a muiñeira cruzada mentres os vixigueiros, ou contrarios, vestidos con farrapos, andaban polo medio trouleando. Tamén desfilaron os carolos, personaxes vestidas todas de branco coa cara cuberta cun cesto e… un oso xigante!

Deseguida adiviñamos quen eran os Galos da Mezquita. Levaban antiface, traxe multicolor, caxata na man e, o máis importante, sombreiro con forma de galo, de moitas cores. O andar parsimonioso, de señores galos camiñando co seu bastón, de súpeto víase alterado por algún deles, que animaba ao persoal cun quiquiriquí e unha carreira.

Desde logo, hai que tomar nota dos traxes dos Follateiros de Lobios, os máis ecolóxicos e reciclables de todos. Amarelearon as rúas, inconfundibles, coas roupas cubertas de follatos, e cintos e corpiños adornados cos carozos das mazarocas. Mesmo as caretas estaban feitas de cartón con grans de millo pegados de distintas cores. Os conxuntos máis traballados até levaban complementos de follatos a xogo: colares, petos…

E un toque de glamour ou, máis ben, unha bulra deste, que para iso é o entroido, da banda das Madamitas e Madamitos de Entrimo. Elas coas súas enaguas brancas con bordados e encaixes, sombreiros de palla con cintas e veo, e máscara branca. Eles, a xogo, con sombreiro de cornete, fitas de cores e unha capiña no ombreiro. Moi conxuntados en brancos e vermellos, daba gusto velos.

Despois de máis dunha hora de percorrido pola zona vella de Santiago, as figuras máis ancestrais do noso entroido volveron á praza do Obradoiro de retirada, acollidas por un público satisfeito que aproveitaba para sacar as últimas fotos. Agora, toca recuperar forzas para vivir o entroido en febreiro e, despois, en setembro outra vez. Até o ano que ven!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *