Descobre a Feira Medieval de Betanzos

A Feira Franca Medieval é un evento festivo que ten lugar no casco antigo da localidade de Betanzos e que recrea, ao longo de tres días, un mercado medieval. Celébrase anualmente e, de maneira xeral, durante a segunda fin de semana de xullo.

A súa historia remóntase á época de Enrique IV, xa que foi el o que autorizou por primeira vez a celebración dunha feira anual de trinta días de duración e libre de impostos, tributos, portazgos e alcabalas. Este acontecemento tería lugar entre os días 1 e 30 de novembro e formalizouse mediante carta de privilexio no ano 1467. Sete anos máis tarde, eran os Reis Católicos os que confirmarían dita celebración, e dita feita celebraríase ata finais do século XVIII, sendo un dos acontecementos comerciais de maior importancia do Reino de Galicia.

No ano 1998, os betanceiros retoman a tradición celebrando a primeira edición da “Feira Franca Medieval” actual, entre os días 10 e 12 de xullo, e dende entón, a segunda fin de semana deste mes, a cidade volve ao pasado. Así pois, recrean o mercado medieval con todo luxo de detalles: engalánanse as rúas con estandartes, as xentes visten de época, decenas de artesáns mostran o seu traballo, prográmanse actuacións e invítase a participar en obradoiros e actividades ao aire libre. Os máis coñecidos son, quizá, a queima da bruxa, os torneos medievais con loita de guerreiros a cabalo e as mostras de cetrería, malabares e tiro con arco. Ademais, realízanse representacións de importantes feitos históricos da vila coa participación da veciñanza, entre os que se inclúe o gran incendio producido na cidade no 1569, a chegada do Señor de Andrade á cidade, a Batalla de Figueiras ou a Revolta Irmandiña. Tamén se fai unha recreación histórica, na terceira xornada, da peste e as enfermidades que asolaron a cidade no ano 1381 e que acabaron co apresamento e posterior expulsión dos leprosos da cidade.

Por todo iso, esta celebración ten unha afluencia de público masiva e que, con cada edición, supera as súas marcas. Tanto é así que, no ano 2013, o evento recibe o distintivo de Festa Galega de Interese Turístico. Isto débese, en parte, á gran implicación da xente na Feira, vestíndose de época e invitando a todo o que os visita a participar tamén diso, o que crea un ambiente festivo digno de ver.

Este ano, a Feira Medieval de Betanzos prepárase para a súa edición número XX, e celebrarase entre o 7 e o 9 de xullo, polo que todo o que esté interesado en deixarse levar polo encanto do pasado, terá aquí unha cita ineludible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *