Ese antiga expresión que identifica á primavera como a estación das flores ponse de manifesto de forma especial chegada esta época do ano en varias localidades galegas. Para os veciños de Ares, Bueu, Redondela e Ponteareas as flores son unha parte importante das celebracións de Corpus Christi posto que a confección de alfombras vexetais constitúe toda unha tradición secular que se vén transmitindo dunhas xeracións a outras. Familias e grupos de amigos toman parte nun proceso que require de numerosas xornadas de preparativos e vésperas interminables de traballo en plena rúa para dar forma a unhas obras de arte tan belas como efémeras.
Segundo a tradición cristiá a celebración de Corpus ten lugar 60 días despois do domingo de Resurrección, de tal forma que sempre coincide en xoves, aínda que é unha práctica habitual trasladar os actos ao domingo seguinte e así o fan tamén nestas catro localidades, onde os seus festexos foron declarados de interese turístico.
Ponteareas
Os veciños desta localidade pontevedresa poden presumir de que a súa celebración traspasou fronteiras elevándose a festa de interese turístico internacional. O domingo seguinte ao xoves de Corpus as rúas e prazas de Ponteareas énchense de cor grazas á vintena de creacións que cobren unha superficie de máis dun quilómetro de lonxitude para guiar e adornar o paso da procesión do Santísimo Sacramento. As orixes desta tradición pérdense no tempo, aínda que a primeira constancia documental da celebración lévanos ata mediados do século XIX e a tradición oral sitúa as primeiras alfombras na Rúa de Abaixo ou Rúa Real.
O que comezou como unha actividade case espontánea por parte dos veciños foi gañando peso co paso dos anos, a complexidade das creacións foi en aumento e a fama das alfombras florais de Ponteareas foise estendendo máis aló dos límites da localidade atraendo a un número crecente de visitantes.
A partir de mediados do século pasado o Corpus de Ponteareas dá un salto e nas décadas seguintes vanse sucedendo diversos fitos que non fan senón aumentar o seu prestixio e alcance, propiciando que a festa sexa declarada de interese turístico nacional (en 1968) e internacional (2009) e que os alfombristas da localidade sexan chamados doutros moitos lugares para poñer a súa arte ao servizo doutras conmemoracións diversas.
Máis información en https://www.facebook.com/alfombristasponteareas
Bueu
As primeiras referencias á celebración do Corpus en Bueu remóntanse ao século XVII, pero desde entón os actos foron cambiando notablemente e foi ampliándose tamén o percorrido da procesión desde o atrio da igrexa aos seus arredores e outras rúas. A mediados do século pasado, ademais de polas alfombras florais, a procesión era coñecida polas carrozas tradicionais que tomaban parte nela, aínda que este costume se perdeu nos anos 70 a raíz do peche da conserveira Massó e a súa carpintería.
A creación no ano 2015 da Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu permitiu revitalizar a celebración implicando a un importante número de veciños e familias e contribuíu de forma decisiva a que a festa alcanzase o recoñecemento autonómico no ano 2017.
Máis información en https://www.facebook.com/asociación-Cultural-Alfombras-de-Bueu-659429704166632/
Ares
Corenta ano está a piques de cumprir a festa de Corpus Christi en Ares tal como a coñecemos na actualidade. A colocación por parte dalgúns veciños de vasos con flores nas portas das súas casa para dar a benvida á procesión marcou no ano 1983 o inicio dunha tradición que rapidamente deu paso ás alfombras florais que chegan a cubrir unha superficie dun quilómetro de lonxitude ao longo de varias rúas da localidade. Familias enteiras, nenos incluídos, participan nesta manifestación artística que comeza con varias semanas de antelación colleitando as flores e outros materiais vexetais necesarios para a confección das alfombras. O sábado previo a Corpus procédese á colocación das alfombras polas que transcorrerá a procesión que ten lugar o domingo pola tarde.
O Corpus de Ares foi declarada festa de interese turístico autonómico hai agora unha década e aínda que a pandemia afectou ás celebracións dos dous últimos anos, os seus promotores mantiveron viva a tradición con propostas alternativas como a decoración dos balcóns, as portas das casas e os comercios.
Máis información en https://www.facebook.com/alfombrasfloralesdeares/
Redondela
Tamén en Redondela está moi arraigada a elaboración de alfombras florais chegada esta época do ano, aínda que neste caso a celebración do Corpus convive con outra tradición festiva local: a Coca. Conta a lenda que houbo un tempo en que as augas da ría estaban habitadas por un dragón que moraba baixo a ponte da illa de San Simón e que raptaba ás mozas máis fermosas da localidade. Cansados destes ataques un grupo de mariñeiros déronlle caza e levaron o seu corpo ata o centro de Redondela, onde comezaron a bailar ao seu ao redor brandindo as súas espadas. Ese sería a orixe doutro dos elementos máis característicos destes festexos: a Danza das Espadas e o Baile das Penlas.
As orixes desta festa sitúanse no século XVI, aínda que o costume de elaborar alfombras data, presumiblemente, de mediados do século pasado. Outro ingrediente da celebración son os cabezudos e xigantes que toman parte tamén nos festexos. Hai dez anos que foi declarada de interese turístico galego.
Máis información en https://www.facebook.com/redondelaconcello