Así xurdiu a Festa da auga en Vilagarcía de Arousa

A Festa da auga é unha festa popular que se celebra o 16 de agosto na localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa. Nela, despois da procesión do santo patrón da vila (San Roque) e do tradicional pregón, dáse o sinal para que se inicie unha auténtica guerra de auga. Esta guerra ten lugar nunha ampla e coutada “zona húmida” e nela participan ata as mangueiras dos camións de bombeiros. Pistolas de auga, globos, cubos desde os balcóns, mangueiras domésticas ou calquera outra “arma” son boas se contribúen ao baño dunha multitude que concentra entre 30.000 e 40.000 persoas. Despois, a festa continúa na praia cunha comida.

A Festa da auga nace de maneira espontánea no caloroso verán de 1984. Ese ano, durante as festas patronais, e unha vez trasladado a San Roque ata a súa capela, os romeiros que cargaran co Santo pola vila terminaron exhaustos e empezaron a pedir auga aos veciños que vían a festa desde os seus balcóns. Ao principio, esta petición tomouse como unha broma, pero de súpeto unha persoa botou un vaso de auga desde o alto do edificio número 15 da rúa San Roque. Aínda hoxe non se sabe de certo quen foi a persoa que iniciou a que acabaría sendo unha das festas máis importantes de España, pero o caso é que, acto seguido, os demais veciños lanzaron máis vasos, logo cubos cheos de auga, logo mangueiras… e a xente foise animando máis e máis. Ano tras ano, repetiuse a escena, e nos anos 90, vista a masiva participación que conseguía, o Concello instaurouna con carácter oficial. Cos anos, a festa foi evolucionando e hoxe a súa popularidade é tan grande que atrae a turistas de toda España e do estranxeiro, e no ano 2012 declárase Festa de Interese Turístico Nacional.

A Festa da auga é única.

Seica ti coñeces algunha parecida?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *