Achégate a Cambados: Festa da Vieira

Se hai algo particular que caracteriza a Festa da Vieira, é que se trata da única festa de exaltación deste molusco, moi comercializado no porto de Tragove (o único porto galego autorizado para capturar e comercializar vieiras). Ademais, a festa conta cun amplo carácter participativo, posto que quen a organiza son diferentes asociacións da zona.

Cada ano, pasan por aquí máis de cincuenta mil persoas que veñen gozar da gran variedade de actividades que se desenvolven durante os días de celebración e que inclúen degustacións, concursos gastronómicos, eventos deportivos, demostracións culinarias, mostras de cancións mariñeiras ou concentracións de embarcacións clásicas. Todo iso, nun enclave de gran valor cultural, arquitectónico e patrimonial.

A Festa dá Vieira celébrase  dende hai case dúas décadas entre os días 15 e 17 de xullo na localidade de Cambados, e desde 2013 figura na lista de Festas de Interese Turístico de Galicia.

Ademais, este ano contará coa presenza de tres cociñeiras con Estrela Michelin, como son Beatriz Sotelo, Leonor Costiña e Inés Abril. Así, a carpa do Paseo da Calzada será xestionada por Beatriz Sotelo, e nela os comensais poderán gozar da vieira preparada de diferentes formas. O prezo, do mesmo xeito que nas edicións anteriores, rolda os 8 euros. Tamén haberá na carpa showcookings  a cargo de Costiña e Abril, sendo esta a primeira vez que tres mulleres levan todo o peso gastronómico da festa.

Ademais, a programación inclúe tamén actividades en colaboración con Guimatur, unha asociación de mariscadoras que ofrece visitas turísticas ás súas concesións para explicar o seu traballo e a súa cultura.

Este ano tamén se volverá a promocionar o evento entre os establecementos hostaleiros do municipio, entregando unha caixa de vieiras a aqueles locais que queiran participar na iniciativa de comprometerse a servir  o produto ao cliente sen custo algún, ben en forma de tapa ou de entrante. Entregaráselles tamén un distintivo colaborador e un cartel da Festa da Vieira.

Así que se queres probar este manxar, non deixes o apetito na casa e achégate á localidade pontevedresa os días 15, 16 e 17 de xullo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *