A vieira de Ferrol ponse guapa para percorrer o Camiño Inglés

Pablo Fuentes. La Bodega de Estrella

Un clásico do concurso De Tapas por Galicia volve para competir polo primeiro posto: La Bodega de Estrella foi o vencedor na última edición do certame Tapéate de Ferrol. Fíxoo cunha tapa que quere ser unha homenaxe ao Camiño Inglés, a ruta que comeza nunha das súas ramas no porto de Ferrol, a poucos metros de onde se sitúa o restaurante. Ostras! A vieira un prato con vocación paisaxística, no que se evocan as brumas do norte galego, as praias e as penas sobre as que bate o mar.

A base do prato é unha vieira galega curada en auga de mar, o que lle o confire unha textura suave e untuosa, que fai que se desfaga na boca. Por outra banda, o xefe de cociña elaborou unha interesante crema cos corais da propia vieira e con manteiga, de inspiración francesa; e outro acompañamento baseado na salsa clásica coa que se prepara este marisco en Galicia, a base de aceite de oliva e xamón. A vieira ponse guapa para a gala showcooking do día 15 de marzo adornándose cunha perla realizada coa primeira das pastas e un xelificante que lle dá unha textura única.  Un crocante de pasta wanton fritida serve de base ao prato, para que a mellor maneira de saboreala sexa colléndoa coa man e mollándoa nos diferentes aderezos. A proposta coróase cunha bruma de infusión de herba lemongrass e xeo seco, unha alegoría da néboa e, tamén, do botafumeiro que é a meta final dos peregrinos que comezan a súa andaina en Ferrol.

“Para concibila”, explica Pablo Fuentes, “empregamos moito lapis e papel, facemos un brainstorming enorme do que ao final sacamos a idea boa”. Aínda que sempre custa: “O toque final para a perla esferificada só o conseguimos unhas horas antes de que comezase o Tapéate”, un concurso no que volveu contar co favor do público, que pediu masivamente esta intelixente creación. La Bodega de Estrella é xa un clásico do tapeo ferrolán, consolidado nunha cidade na que turismo e boa comida van da man. Pasear polo ordenado barrio da Magdalena, visitar os parques e as rúas peonís do centro ou coñecer os atractivos dunha vila cunha historia diferente a de calquera outra cidade galega, fabril e militar, burguesa e comercial, é sinónimo de atopar propostas gastronómicas singulares nas que merece a pena deterse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará