“A Santa”, unha xoia da arte galega que regresa á nosa terra

O legado do escultor Francisco Asorey (Cambados, 1889-Santiago de Compostela, 1961) segue moi presente en Galicia grazas ás obras que adornan localidades e cidades como Lalín, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña ou Ferrol en homenaxe a personaxes ilustres como o piloto Joaquín Loriga, Curros Enríquez ou José García  Barbón. Pero algunhas das súas creacións máis emblemáticas tiveron unha traxectoria accidentada que as afastou desta terra e mesmo as mantivo durante moitos anos no esquecemento.

 

É o caso de “A Santa”, unha escultura en madeira policromada coa que Asorey participou en 1926 na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e que foi obxecto naquela época de fortes discusións polo seu carácter orixinal e rompedor. O creador cambadés inspirouse nas mulleres do mundo rural galego para romper os canons estéticos e afastarse do ideal feminino vixente, algo que lle valeu moitos aplausos, pero non poucas críticas. O realismo do espido representado por Asorey, coas marcas do duro traballo agrícola moi presentes e elementos como o xugo que convidaban tamén a unha reflexión máis profunda sobre o significado da obra, foron algúns dos motivos dunha polémica que foi recollida pola prensa da época. A división de opinións enfrontaba a aqueles que destacaban o seu realismo e atrevemento e que cualificaban a Asorey como un artista de facultades excepcionais cos que descualificaban o sentido estético da obra. 

 

Aínda que non foi “A Santa” senón unha escultura de San Francisco a que lle permitiu a Asorey lograr a primeira medalla daquela exposición, a polémica peza espertou interese alén do Atlántico. Foi adquirida polos responsables da Casa de Galicia de Montevideo e embarcada desde Vigo rumbo a América en 1951, continente no que permaneceu ata a actualidade. Agora, case 70 anos despois da súa marcha, a transgresora escultura está a piques de regresar a Galicia grazas a un acordo alcanzado pola Consellería de Cultura e Turismo e a Casa de Galicia da capital uruguaia.

 

“A Santa” converterase así nunha das pezas principais de “Galicia, un relato do mundo”, a primeira das grandes exposicións programadas pola Xunta no marco dos preparativos do Xacobeo 2021. Esta mostra, comisariada polo xornalista e divulgador Manuel Gago e que conta tamén co asesoramento da historiadora Pilar Cagiao Vila e a colaboración do Consello da Cultura Galega e da Secretaría Xeral da Emigración, permitirá contemplar no Museo Centro Gaiás máis de 300 creacións de gran importancia simbólica para Galicia. Será inaugurada o próximo 14 de novembro e poderase visitar ata o 12 de abril do 2020.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará