A Taberna da Galera leva o nome dunha das zonas hostaleiras máis afamadas de Galicia. A rúa na que se sitúa é unha das máis populares do centro da cidade, unha faixa peonil na que se combinan locais tradicionais con propostas máis persoais, modernas e arriscadas. Neste último apartado é no que se sitúan Chisco Jiménez e Xalo Muñiz, que abriron hai dous anos este establecemento reivindicando a tradición gastronómica do barrio, aspirando á renovación. Este ano representan á urbe herculina na gala final De Tapas por Galicia cun Tartar de xurelo pleno de frescor e aroma cítrico.
Coruñeses de 1981, Jiménez e Muñiz coincidiron como estudantes no Centro Superior de Hostelería de Galicia, en Santiago de Compostela. O primeiro especializouse en cociña e fogueouse con mestres coma Marcelo Tejedor, Pepe Vieira ou Quique Dacosta antes de abrir o seu propio local na Coruña, o Culuca, no que segue traballando en paralelo á Taberna da Galera; o segundo decantouse polo servizo e a coctelaría e traballou en Luxemburgo e Londres, aprendendo o oficio en grandes cadeas hoteleiras.
A receita coa que concorren ao Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia baséase nun moi coruñés xurelo cru e esmigallado, mariñado cunha salsa de froita da paixón, lima, coandro, cebola vermella e aceite de oliva virxe. O conxunto adquire forma de bocado ideal cando se introduce nunha arepa de fariña de millo, unha preparación sudamericana pero con conexión herculina: “Descubrina nun restaurante colombiano en Canarias, unha vez que fun alí ver un partido do Dépor”, admite entre risas Jiménez. Nunca sabe un de onde chegará a inspiración.
O resultado, fresco e inconfundible, foi gañador do premio do público no Concurso de Tapas Picadillo. “Servíronse da orde de 500 tapas durante 15 días”, explica Muñiz, encargado da sala. A receita, afirma Chisco Jiménez, é laboriosa na súa preparación previa, e hai que saboreala ao momento, acabada de saír da cociña, algo que experimentarán o próximo día 4 de xullo os asistentes á gala final do certame De Tapas por Galicia.