Desde 2015, Vigo propúxose acabar co feísmo da man dun festival de arte urbana que trae cor ás súas rúas. ‘Vigo: cidade de cor’ é un proxecto que busca converter a cidade nun museo rueiro onde atopar diferentes rexistros artísticos dentro da contorna urbana. Ademais de axudar a cambiar o aspecto dos espazos máis castigados polo abandono ou o paso do tempo, a iniciativa tamén impulsa e xestiona actividades culturais para aumentar a participación cidadá no cambio estético da cidade olívica.
Todo comezou na rúa do Príncipe coa reprodución do óleo de Urbano Lugrís -Fiestra- por parte do artista vasco Luís Olaso. Desde entón, as coñecidas como medianeiras de Vigo, convertéronse xa nun dos principais atractivos para os amantes do street art. E é que, aínda que se poden observar todos os traballos feitos ata a data na súa páxina web oficial, nada é comparable á sensación de toparse ‘cara a cara’ cunha exposición de arte desta envergadura. Grazas á boa acollida da iniciativa por parte dos veciños, son cada vez máis as obras que engalanan os espazos baleiros da cidade. Un total de 42 obras compoñen este particular museo. Nano, Federico Draw, Ramón Trigo, Pilar Alonso, Nelson Villalobos, Peri, POW e outros, son os máis de 44 artistas que se encargan de embelecer as rúas de Vigo. Ademais, outras das opcións que ofrece a súa web son; atopar toda a información sobre os creadores e as obras que conforman esta iniciativa, localizar a situación das que máis che gusten, e mesmo coñecer a liñas e paradas de bus que che levan ata elas.
Medianeiras, fachadas, muros e paredes son o lenzo en branco para os artistas -galegos, do resto de España ou doutros países- que plasman a súa creatividade, case sempre nun formato XXL. Ningún dos murais ten que ver con outro. De feito, non existe un fío conector que englobe a todas as obras nun tema ou estilo en concreto. Cada artista desenvolve a súa arte plasmando unha interpretación propia en cada representación. Por tanto, a experiencia é completamente diferente se nos atopamos fronte ao mural ‘Sexa Walls for Oceans’ (arriba) -en Rúa Torrecedeira nº4- do portugués Federico Draw no que se promove a sustentabilidade dos nosos océanos que se admiramos a obra da Praza de España realizada pola cooperativa Cestola na Cachola (abaixo), organización que se caracteriza pola súa loita contra o individualismo promovendo a unión da sociedade e o traballo en rede.
O certo é que, pouco importa se un mural é máis grande ou se ten máis cor que outro. O realmente interesante neste proxecto artístico, é acabar con aqueles espazos grises e anticuados mediante unha fórmula que permite mellorar a cidade e poñer o talento na rúa.
Esta edición, o museo ao aire libre da cidade seleccionou 15 propostas para seguir ‘decorando’ as medianeiras e os muros repartidos por toda a cidade. Tras tres edicións do festival, os creadores seleccionados para esta ocasión, destacan por nacer, traballar ou ter traballado fóra de España -de aí o carácter internacional de esta nova selección de obras-. A ilustradora Iria Fafán, Isaac Mahow, Julieta XLF ou Louis Lambert son algúns dos creadores seleccionados para este museo de murais xigantes.
Non te perdas ningún paso do proxecto e segue a súa conta oficial de Instagram, poderás coñecer máis sobre o proceso creativo das obras que máis che gusten. Grazas a esta iniciativa, Vigo ofrécenos a posibilidade de coñecer ‘a fondo’ cada un dos recunchos do seu centro urbano e arredores. Unha ruta orixinal e creativa que nos propón un punto de vista da cidade moito máis colorido.