Desprovisto xa en boa medida do seu significado orixinal de conmemoración dun episodio bíblico, o Día dos Santos Inocentes, que se celebra o 28 de decembro, pasou a ser sinónimo de bromas. Pero en Galicia, terra de retranca, as risas son algo que se estende polo tempo e o territorio e que está presente nos ámbitos máis diversos da nosa vida máis aló desta xornada situada nos festexos do Nadal. A continuación propoñémoste unha viaxe por algúns dos lugares e das xornadas nas que se deixa ver a nosa paixón polo humor.
Museo do Humor de Fene
Entre as decenas de museos temáticos que existen en Galicia non podía faltar un dedicado de forma monográfica ao humor. Está en Fene e foi inaugurado en 1984 grazas ao empeño do ilustrador e humorista gráfico Xaquín Marín e ao apoio do concello. Nas súas instalacións pódense ver máis de 300 obras orixinais dos principais humoristas galegos, así como de artistas do resto de España e de creadores internacionais. Tamén conta con varias esculturas, unha colección de publicacións e uns espellos cóncavos e convexos para que os visitantes poidan rirse de si mesmos.
Praza do Humor
A cidade da Coruña tamén conta cun espazo consagrado aos mestres do humor. Neste caso trátase dunha céntrica praza, coñecida antigamente como a Praza dos Ovos polo mercado que alí se celebraba e que hoxe en día serve para homenaxear a algúns dos autores galegos mellor dotados para a sátira e a retranca e outros creadores e creacións de alcance universal. Dúas esculturas de Álvaro Cunqueiro e Castelao descansan en bancos de pedra xunto aos bustos de Julio Camba, Vicente Risco e Wenceslao Fernández Flores e ás imaxes gravadas no chan de Groucho Marx, Mafalda e Mark Twain, entre outros autores e personaxes.
Esculturas de Floreano e O Carrabouxo
Son moitas as personaxes humorísticas que saíron da mente dos creadores galegos, pero son poucas as que poden presumir de ter sido inmortalizadas nunha escultura de bronce. Unha deles é Floreano, a popular personaxe ideada polo humorista gráfico Gogue hai máis de 30 anos. Desde hai case unha década goza da súa inseparable cunca de viño nunha céntrica praza do Grove, localidade natal de Gogue. Similar homenaxe en bronce recibe nas rúas de Ourense desde o ano 2002 O Carrabouxo, o famoso personaxe co que Xosé Lois González viste de sátira a actualidade desde as páxinas da prensa.
Mosteiro de Samos
Ora et labora (reza e traballa) é unha expresión latina que resume a forma de vida no interior dos mosteiros benedictinos e que non convidaría a incluír un cenobio nunha guía do humor. Pero no caso de San Xulián de Samos hai probas de que entre os canteiros que alí traballaron había alguén disposto a facer algo máis que rezar e traballar. Así nolo demostrou esculpindo unha broma para a posteridade, que ben podería considerarse como un antecedente do clásico “parvo o que o lea”. Nunha das claves da bóveda do claustro gótico ou das Nereidas pódese ler a frase gravada en pedra “que miras bobo”.
Catedral de Santiago de Compostela
Meta do Camiño de Santiago e un dos principais monumentos de Galicia, a Catedral compostelá é outro espazo para a oración e o recollemento que garda entre as súas paredes centenarias algunhas mostras do sentido do humor de quen alí traballaron. A pícara mirada que mostra a estatua do profeta Daniel no Pórtico da Gloria e que se asocia á contemplación do busto da figura de Esther é unha proba diso. Ademais, nun capitel da zona das cubertas do templo pódese ver un traseiro esculpido en pedra que, segundo algúns estudosos, sería a xocosa maneira elixida por un canteiro para plasmar o seu malestar polas malas condicións laborais da época. E no alto dunha apartada columna do interior da catedral hai unha pequena talla dunha persoa que, segundo algúns estudosos, podería ser o autorretrato doutro canteiro.
Bromas compostelás
O humor relacionado coa pedra esténdese tamén á contorna da catedral compostelá en forma de bromas tradicionais. As dúas máis recorrentes teñen por escenario dúas fontes (as situadas nas prazas de Cervantes e Praterías) e unha mecánica común: convidar a alguén a que trate de ver a parte da escultura que se esconde baixo a auga e salpicarlle cando se asome para facelo. Un clásico compostelán que vén repetíndose desde hai xeracións.
O entroido
Poucas festas tradicionais hai no noso calendario tan irreverentes coma o entroido. Entregarse aos excesos en véspera da Coresma cumprindo con ritos seculares son algúns dos ingredientes dunha celebración na que o humor, as bromas e as risas xogan un papel fundamental. A batallas do Domingo Fareleiro de Xinzo de Limia e da Farrapa de Laza son só dúas mostras do espírito lúdico e divertido dunha celebración que ten outras das súas citas máis destacadas en Viana do Bolo, Cobres (Vilaboa), Manzaneda, a comarca do Ulla, Maceda e Vilariño de Conso. Para gozar delas hai que esperar aos días e semanas previos á Coresma, aínda que en Xinzo de Limia é posible achegarse a esta celebración durante todo o ano grazas ao seu Museo Galego do Entroido.
A noite de San Xoán
As tradicionais fogueiras non son as únicas protagonistas do San Xoán en Galicia. A noite máis curta do ano compite en moitas localidades co Día dos Santos Inocentes polo trono da gran xornada das bromas. Especialmente no mundo rural é frecuente que durante esa velada os mozos se entreguen á tarefa de mover carros, arados, outros apeiros de labranza e, mesmo, pequenas embarcacións de pesca dos seus lugares habituais a céntricos espazos de pobos e aldeas ou a lugares de difícil acceso.
O Día dos Enganos
“O un de abril van os burros onde non deben de ir”, di un refrán tradicional demostrando a preponderancia que en tempos tivo en Galicia o 1 de abril sobre o 28 de decembro como xornada de bromas. Esa tradición entronca co April Fool’s Day anglosaxón e con costumes similares de países como Alemaña, Francia ou Bélxica, tal como documentou Otero Pedrayo na súa Historia de Galiza. É unha xornada de bromas e de noticias falsas que nos últimos anos cobrou impulso grazas ás iniciativas postas en marcha por diversas entidades.