
Situación – Concellos ourensáns de San Xoán de Río e A Pobra de Trives.
Superficie – 706 ha.
Acceso – Desvío por estradas locais a partir da OU-536 (Ourense-A Rúa) ao seu paso polo concello da Pobra de Trives.
Servizos – Aloxamento e comida: Si.
Ribeira dos castiñeiros
O río Navea rende as súas augas no Bibei pouco antes de que este desaugue á súa vez no Sil, ao cal lle espera o mesmo no Miño. Toda unha carambola das augas que pon en contacto o Macizo central ourensán co maior sistema fluvial do noroeste peninsular, o Miño-Sil.
Todos estes ríos labraron corredores naturais cunha paisaxe a medida. O val do Navea é o que se conserva menos alterado. Destaca polo predominio da vexetación arbórea, como a gran fraga de San Xoán de Río a un lado do río e ao outro un dos afamados soutos da comarca de Trives. Históricos castiñeiros acompañados dos sequeiros, construcións dun andar empregadas para secar as castañas. Algúns están a ser rehabilitados.
No comezo do espazo protexido está un dos seus principais atractivos: Ponte Navea, construído na Idade Media sobre os restos da antiga ponte romana.