Seis esculturas que emerxen do mar

Algunhas destas esculturas parece que acaban de saír da auga; outras, que están a piques de se mergullar. Todas elas fannos voar a imaxinación ao mundo das lendas e das aventuras mariñas.

A comarca do Salnés é coñecida polas praias, os viños, mais tamén é unha zona de moita escultura. De alí son Francisco Asorey, Leiro, Manolo Paz… O Grove é un lugar de referencia, sobre todo desde 1990, coa primeira edición do Simposium Internacional de Escultura, que coincide coa Festa do Marisco. En cada convocatoria, as obras seleccionadas pasan a formar parte do patrimonio artístico da cidade. Desde 2011, celébrase tamén a Bienal de Escultura ao aire libre. A materia prima é sempre o granito. No Paseo marítimo, desde Punta Moreira, hai un surtido repertorio de figuras mirando ao mar. Pero unha das máis singulares érguese nunha rocha da praia urbana do Confín. Está feita en granito, como todas as da zona, por Manuel Rial, en 1993. Chámase Maruxa dos portos, e representa unha cabeza de muller sobre unha especie de columna retorta a modo de pescozo. A auga vaina cubrindo máis ou menos segundo as mareas, mais á cabeza nunca chega, que ten pescozo dabondo.

Un motivo moi recurrente nas esculturas mariñas é a serea. Por exemplo, na praia do Matadoiro da Coruña, tamén coñecida como Berbiriana, descansa desde 1995 a escultura de bronce Serea na rocha, de Márgara Hernández Smet. O conto dí que unha xoven que se afogaba foi devolta á vida en forma de serea. Diríase que é un recordatorio dos perigos do mar. A figura, de formas redondeadas e rotundas, está saudando ao sol cunha man, como dicindo “Ola, xa vou” ou “Até mañá”. 

En San Cibrao, Cervo, na Mariña Lucense, hai outra serea nunha rocha, feita por Ángel Cao en 2006. Está en Penameá, na praia do Torno, ollando cara ao mar coa cola enroscada e cunha roca nas mans. É A Maruxaina que, segundo a lenda, vivía na Illa dos Farallóns fiando febras de ouro e, cando había temporal, berraba e tocaba o corno desde as rochas da praia. Non estaba claro se alertaba aos mariñeiros do mal tempo ou provocaba os naufraxios co seu canto. Era boa? Era mala? Era nova? Era vella? Desde 1985, cada segundo sábado de agosto revívese a lenda na festa da Maruxaina, na que que apresar á serea no mar e, unha vez en terra, xulgala para despois ceibala e ir de parranda con ela.

En Cangas hai outra serea de bronce. Está de pé nunha peza de granito que representa a quilla dun barco afundido, cun mascarón que semella a mesma serea. A ambos lados, dous golfiños chimpando. Atópase na Pedra do Sinal, no mar, á carón do Paseo Marítimo. O grupo escultórico, coñecido como O Galeón de Cangas, é obra de Manuel Coia, de 2001. 

Outra figura mitolóxica está sempre a piques de mergullarse nas augas de Silgar, en Sanxenxo. Trátase da Madama de Silgar, escultura en bronce de Alfonso Vilar, colocada no con do Corbeiro en 1995. O nome de madama fai referencia a aquelas mulleres de lenda, como os encantos ou as mouras, relacionadas coa lúa, a noite e a auga. Está medio inclinada, ollando cara a auga cunha caracola entre as mans. No pelo ao vento fórmase unha uve, a sinatura do autor.

E rematamos cunha figura literaria. Como é sabido, Jules Verne falou da Ría de Vigo en 20.000 leguas de viaxe submariña, contando as aventuras do Capitán Nemo no Nautilus. Pois en Cesantes, entre a praia e a Illa de San Simón, fíxoselle unha homenaxe. O conxunto representa ao capitán, en bronce, no alto dunha base de bloques de granito de máis de tres metros sobre as rochas. Máis baixo, dous buzos de bronce apañan pezas do tesouro de Rande para o Nautilus. Estes so se ven completamente cando sube nivel da auga, en época de mareas vivas ou superlúas. A obra foi ideada por Ramón Lastra e esculpida por Sergio Portela en 2004.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *