San Lourenzo de Carboeiro, unha xoia no corazón do Deza

No corazón de Galicia, rodeado de bosques e resgardado nun dos meandros que traza o río Deza ao seu paso polo municipio pontevedrés de Silleda álzase unha das xoias do noso patrimonio monástico. Falamos de San Lourenzo de Carboeiro, un cenobio fundado no século X e que nos últimos anos comezou a recuperar parte do esplendor perdido.

 

Fanse neste 2021 varias efemérides importantes na historia de Carboeiro. A máis recente lévanos 90 anos atrás no tempo, ata 1931, ano no que o mosteiro foi declarado monumento histórico artístico polo Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes. Ese recoñecemento marcaría un punto de inflexión no proceso de decadencia e deterioración progresiva que o recinto sufrira durante os últimos séculos e sentaría as bases para as obras de recuperación que se comezarían a acometer tres décadas despois.

 

A outra efeméride que se conmemora este ano remítenos ás primeiras etapas do mosteiro e conéctanos directamente cun dos seus elementos máis destacados: a súa igrexa. Unha inscrición situada no seu interior fixa en xuño do ano 1171, hai agora 850 anos, o inicio das obras do templo actual, levantado en tempos do abade Fernando sobre a construción orixinal anterior. O recinto vivía naquela época os seus momentos de maior apoxeo e boa proba diso é, precisamente, a construción da devandita igrexa, unha das grandes xoias da arte románica de transición galega. As súas similitudes coas bóvedas nervadas da Catedral de Santiago e a decoración do Pórtico da Gloria levaron a diversos especialistas a atribuír o seu deseño e construción ao Mestre Mateo. Esa nova igrexa non fixo senón acrecentar a monumentalidade dun lugar nado como unha simple ermida habitada por un eremita de nome Egica e comprada, segundo unha escritura xa desaparecida, polos condes de Deza no ano 939.

 

Foi durante os séculos XII e XIII cando o poder e a influencia de Carboeiro, pertencente naquela época á orde do Cluny, máis medrou. Os seus dereitos territoriais estendíanse ata as terras da comarca do Salnés e entre os seus muros gardábanse importantes reliquias de varios santos, e mesmo unha espiña da coroa da crucifixión de Cristo, que segundo antigas crónicas foi roubada hai medio milenio. 

 

Pero diversos problemas de xestión e a reforma das ordes relixiosas levada a cabo a comezos do século XVI investiron esa tendencia e marcaron o inicio do declive de  Carboeiro. Reducida a actividade monástica ao mínimo, o mosteiro foise perdendo no esquecemento e xa a comezos do século XIX, a desamortización de Mendizábal e o paso do lugar a mans privadas puxo o punto final a un milenio de historia relixiosa.

 

Con todo, a monumentalidade do recinto pese ao abandono e a espectacularidade do seu emprazamento seguiu chamando a atención de moitos curiosos e dalgúns profesionais do sector audiovisual que o converteron desde mediados do século pasado en escenario de varias películas e series de televisión. Os arranxos que se empezaron a acometer nos anos 70 frearon o deterioro e permitiron recuperar o recinto propiciando a súa consolidación como un destino moi frecuentado polos turistas, grazas tamén a un programa de visitas guiadas.

 

Ademais, a contorna na que está situada convérteno nun elemento crave dunha das rutas deseñadas para mostrar o patrimonio natural e histórico da zona. Carboeiro está nun dos extremos do Sendeiro do Deza, un percorrido que o une coa famosa Fervenza  do Toxa e que seguindo o leito do río leva a quen se adentra nel por puntos de gran interese como a capela de San Campio, a praia fluvial da Carixa e a ponte do Demo. Este último é un lugar de orixe lendaria ligada directamente ao mosteiro. 

 

Conta a lenda que os monxes de  Carboeiro, fartos de ver como as crecidas do río destruían o viaduto que levantaran sobre o Deza, aceptaron o ofrecemento do demo de construír unha ponte capaz de soportar a acometidas da auga. A cambio, deberían entregarlles as almas daquelas persoas que a cruzasen durante unha xornada de domingo, pero os monxes burlaron o acordo prolongando os rezos durante todo o día para reter aos veciños no mosteiro e evitar o seu paso pola ponte. Talvez o demo se cobrase parte da súa vinganza finalmente hai uns anos cunha riada que causou diversos danos no viaduto, pero as obras de reparación acometidas con posterioridade permitiron que os turistas sexan quen percorran hoxe aquel ansiado paso dos monxes e veciños da zona para descubrir así os encantos de Carboeiro.

 

Máis información en http://www.turismosilleda.es/es/carboeiro.php

 

 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *