Ruta por Galicia seguindo a pegada de Castelao

Desde o ano 2014 Galicia celebra cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración por iniciativa da Xunta coa colaboración da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración ( AGPI). A elección desa xornada do calendario non é casual, senón que os promotores da conmemoración decantáronse por ela debido a que é unha das datas comunmente aceptadas (tamén se fala do día 29 e, mesmo, do 12) como a do nacemento de Castelao. Réndese así homenaxe aos ilustradores actuais á vez que se lembra a un intelectual que cultivou diversos ámbitos creativos pero que foi precisamente no da ilustración onde desenvolveu algunhas das súas obras máis celebradas. Desde aquí sumámonos á homenaxe a Castelao convidándote a coñecer algúns dos lugares onde o seu legado está máis presente.

 

Rianxo

A localidade de Rianxo viu nacer a Castelao no ano 1886 e foi o seu lugar de residencia durante a maior parte da súa infancia e adolescencia, así como tras completar os seus estudos de Medicina. Por iso non é de estrañar que a súa pegada estea especialmente viva alí. O escritor, debuxante e político dá nome á biblioteca municipal, situada nun antigo pazo, e á praza onde está a casa do concello. Desde este lugar parte a ruta deseñada na súa memoria e que percorre moitos dos lugares relacionados coa vida de Castelao. Son máis de 30 espazos diversos, dos que unha vintena atópanse no casco antigo de Rianxo e son facilmente accesibles a pé. Os restantes atópanse noutras parroquias do municipio. Quen percorre a Ruta Castelao pode coñecer lugares como a Casa Cándido, que alberga a librería fundada polo seu amigo Cándido C. González; a capela de San Xosé de Foresta, nun de cuxos escudos se inspirou Castelao para o seu deseño do escudo de Galicia; o busto na súa honra situada no Paseo da Ribeira, ou a súa vivenda natal, adquirida polo concello para convertela nunha casa museo e dar forma así a un vello anhelo.

 

Pontevedra

A praza por oposición que obtivo no Instituto Xeográfico Estatístico levou en 1916 a Castelao ata a cidade de Pontevedra, onde se instalou e desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política. Participou de forma activa nas actividades do Museo de Pontevedra desde a súa creación converténdose en membro do seu primeiro padroado e achegando materiais propios aos fondos da entidade en 1931. Iniciouse así a Colección Castelao, ampliada de forma notable tras a súa morte coas obras doadas pola súa viúva. Na actualidade o Museo de Pontevedra custodia e expón un importante legado formado por máis de 2.000 obras e pezas de Castelao, ás que se acaba de sumar as ilustracións orixinais do Álbum Nós. Tamén en datas recentes, os responsables da institución decidiron bautizar co nome de Castelao un dos seis edificios que forman o complexo e que ata o de agora era coñecido simplemente como Sexto. Ademais, a pegada do intelectual en Pontevedra transcende os límites do museo e déixase ver noutros moitos puntos da cidade. Os máis visibles son aqueles nos que se alzan as dúas esculturas erixidas na súa memoria. A primeira delas, obra de Buciños, foi colocada en 1983 na praza de Santa María. Máis recente (do ano 2006) é o conxunto escultórico creado por César Lombera e colocado fronte ao Café Moderno en homenaxe aos intelectuais que participaban nos faladoiros que alí tiñan lugar no século XX. Un Castelao de bronce comparte así espazo con Alexandre Bóveda, Ramón Cabanillas, Valentín Paz Andrade, Carlos Casares e o músico Manuel Quiroga.

 

Santiago de Compostela

A capital galega foi a cidade na que Castelao cursou os seus estudos de Medicina e na que comezou a desenvolver as súas inquietudes artísticas. E é tamén o lugar onde repousan os seus restos mortais, tras ser trasladados a Galicia en 1984 desde Bos Aires, cidade á que o levou o exilio provocado pola Guerra Civil e na que faleceu en 1950. Agora, Castelao ocupa un lugar de honra no Panteón dos Galegos Ilustres, situado na antiga igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, xunto a outras grandes personalidades da cultura galega como Rosalía de Castro, Domingo Fontán ou Ramón Cabanillas. Alí a fundación creada para preservar a súa memoria celebra unha ofrenda floral anual no aniversario do seu falecemento. Unha escultura de Francisco Leiro colocada no ano 1995 na Alameda compostelá na que a silueta de Castelao asoma sobre un gran mapa de Galicia constitúe outra das homenaxes que se poden contemplar en Santiago de Compostela.

 

E ademais…

Pero o recordo de Castelao non só está presente en Rianxo, Pontevedra e Santiago. O intelectual dá nome a rúas e centros educativos por toda Galicia e as esculturas, bustos e placas colocadas na súa honra en cidades, vilas e pobos cóntanse por decenas. Un destes monumentos pódese ver na Coruña, cidade que reservou un dos espazos máis destacados da súa Praza do Humor ao rianxeiro. Unha escultura a tamaño real de Castelao nun banco de pedra preside ese lugar xunto a outra peza similar dedicada a Álvaro Cunqueiro. Ourense, onde outra estatua do intelectual realizada por Buciños parece camiñar polas súas rúas, Padrón, Lira (Carnota) e Redondela son outras localidades nas que tamén homenaxean ao rianxeiro con esculturas, e o seu número non deixa de crecer. A finais do pasado 2020 e coincidindo co centenario da revista  Nós Lugo inaugurou unha escultura para que a cidade da Muralla poida lembrar tamén a Castelao. Na Estrada, localidade na que casou Castelao e en cuxo cemiterio descansan os restos da súa esposa e do seu fillo, pódese ver no Museo Manuel Reimóndez Portela o dormitorio de Castelao na capital arxentina, doado nos anos 80 ao municipio polo colectivo estradense en Bos Aires. 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará