Propostas para gozar de Galicia máis aló da vista

Galicia é unha terra de acollida que pon ao alcance de todo aquel que a visita un enorme abano de paisaxes, monumentos, sabores e experiencias. Hai propostas para o público máis variado e tamén para colectivos con necesidades especiais como a poboación invidente. Por iso, coincidindo co Día Mundial do Braille, xornada na que a través da reivindicación desa forma de comunicación táctil se pretende loitar polos dereitos das persoas con deficiencias visuais, propoñémosvos algúns plans para gozar de Galicia máis aló da vista. 

 

Torre de Hércules

A Coruña

Deixarse acariñar pola brisa mariña do lugar e internarse polas escaleiras da Torre de Hércules axudan a imaxinarse a importancia dun monumento que foi incluído na selecta listaxe de Patrimonio Mundial da Unesco no ano 2009. Pero para captar mellor a súa magnitude, no centro de interpretación e atención ao visitante hai unha maqueta tiflolóxica (deseñada para ser apreciada a través do tacto) dun pouco máis dun metro de altura que permite contemplar coas xemas dos dedos a arquitectura desta torre milenaria.

 

Xardín Sensorial de Castrelos

Vigo

Entre os numerosos atractivos que ofrece o parque vigués de Castrelos ao visitante atópase desde hai xa uns anos un Xardín Sensorial pensado para que os invidentes poidan gozar dunha grata experiencia. Trátase dun percorrido adaptado a persoas con deficiencias de visión e artellado a través de estímulos táctiles e  olfactivos. Unha cinta guía ao participante por unha ruta dotada tamén con paneis explicativos en braille sobre as distintas especies que hai no xardín e as súas características, así como sobre a historia do recinto.

 

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

Pontevedra

Unha fortaleza xa desaparecida cobra vida neste centro de interpretación nado para albergar e dar a coñecer as ruínas aparecidas durante unhas obras acometidas no ano 2007. Un dos seus principais atractivos é, precisamente, unha maqueta táctil do pazo-fortaleza rotulada en braille que permite imaxinar o aspecto desta impoñente construción.

 

Termalismo

Toda Galicia

Os romanos e os castrexos xa coñecían as propiedades mineiro medicinais das augas galegas, por iso non é de estrañar que Galicia sexa hoxe un inmellorable destino para o turismo termal con instalacións, algunhas delas xa centenarias, repartidas por toda a comunidade. Xa sexa para aproveitar os seus fins terapéuticos, xa sexa para gozar dunha experiencia que pode combinar estética, benestar e relax, os balnearios son unha proposta idónea tamén para as persoas invidentes. Só fai falta pechar os ollos e gozar.

 

Gastronomía

Toda Galicia

Unha visita a Galicia estaría incompleta se non incorporase como elemento destacado o seu apartado gastronómico. A horta e as augas galegas nutren do mellor produto un receitario repleto de propostas saborosas capaces de estimular todos os sentidos, pero especialmente o olfacto e o gusto. Cidades, vilas e pobos ofrecen unha ampla oferta de establecementos onde as deficiencias visuais non serán impedimentos para gozar co padal desta terra.

 

Sensacións no mar

Rías Baixas

Varias entidades comarcais que agrupan a municipios do litoral galego teñen desenvolvido nos últimos anos iniciativas turísticas destinadas á poboación invidente. É o caso do proxecto Sentir ou Mar, nado para impulsar o turismo inclusivo na ría de Muros e Noia e que xa permitiu a un grupo de invidentes familiarizarse co mundo da navegación. Para ese mesmo público están dirixidas outras propostas postas en marcha polos municipios da mancomunidade de Arousa Norte e por empresas privadas das Rías Baixas, como centros de mergullo que organizan bautismos de mergullo e saídas en barco para coñecer a importancia da industria do mexillón e degustar os seus saborosos produtos.

 

Illas Cíes

Vigo

Os invidentes son benvidos á xoia da coroa do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A prohibición de introducir animais domésticos por parte dos visitantes non rexe para os cans guía e entre o material informativo ao dispor de quen se achega ata o arquipélago hai folletos en braille. A realización de visitas guiadas con grupos de persoas con algunha discapacidade son unha práctica habitual desde hai anos.

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará