Pena Trevinca

Lagoa da Serpe Trevinca
Lagoa da Serpe Trevinca
Lagoa da Serpe Trevinca

Situación – Concellos ourensáns de Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, Manzaneda e O Bolo, nos límites coa Comunidade Autónoma de Castela e León.

Superficie – 24.860,33 ha.

Acceso – Desvío cara á Veiga na estrada comarcal OU-533 A Rúa-A Gudiña. Desde A Veiga ata Xares por estradas locais. Desde O Barco de Valdeorras, pola OU-121 ao encoro de Prada (A Veiga); ou por Sobradelo (Carballedo de Valdeorras) con desvío pola OU-122 en dirección a Casaio.

Servizos – Aloxamento: Si. Comer: Si.

Outros espazos naturals relacionados/próximos – LIC “Pena Maseira” LIC “Macizo Central”

Alta montaña 

Paisaxes subalpinas, por riba dos dous mil metros de altitude, só se ofrecen en Galicia na confluencia das serras do Eixe, Calva e Segundeira. Acádase o teito da comunidade nos tres altos da Pena Trevinca (2.127 m), Pena Negra (2.123 m) e Pena Survia (2.122 m) que coroan este amplo espazo protexido unido ao Parque Natural Lago de Sanabria (Zamora).

Salientan daquela a formación de lagos naturais e outros elementos de orixe glaciar. Na vertente oeste galega, que desauga cara á conca do Sil, o Xares e o Bibei deixan fermosas estampas de ríos de alta montaña nas épocas do desxeo.

Polas condicións de afastamento a zona mantívose relativamente illada aínda que tamén en fráxil equilibrio. Un dos seus símbolos cada vez máis recoñecido é a conservación do Teixadal de Casaio. Trátase dun reducido grupo de trescentos teixos centenarios que forman un bosque único en Europa. O outro, a subsistencia dunha parella de aguias reais como elemento significativo da avifauna.

Sen Perda

O principal punto de acceso realízase desde a localidade da Veiga, próxima ao encoro de Prada, e que permite o achegamento ao macizo montañoso por pequenas aldeas limítrofes ao espazo protexido. Por exemplo, Xares, cun couto de caza maior; os muíños da Ponte ou as casas de Corzos entre grandes óvalos de pedra.

Ao sur, o acceso á aldea de Pradorramisquedo pola sinuosa estrada desde Viana do Bolo permite achegarse ás beiras do río Bibei modeladas na pedra. Desde aquí é doado continuar ata Porto, na vertente zamorana.

Pola contra, o Teixadal de Casaio sitúase no extremo norte do espazo, no concello de Carballeda de Valdeorras. O acceso a pé é longo desde a estación da Fonte da Cova (1.800 m).


View Larger Map

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *