Paseo romántico polo Pazo de Lourizán

Aínda que é máis frecuente asociar o ideal de beleza ao novo, o certo é que tamén existe unha beleza inherente en lugares antigos e, mesmo, abandonados. Moitos, aínda cubertos de musgo, vexetación e po desprenden un halo de maxia que namora aos que se atreven a visitalos. Algo así ocorre no Pazo de Lourizán, en Pontevedra, que se foi adaptando aos tempos e as circunstancias en función da súa utilidade para ser hoxe un dos lugares por descubrir das Rías Baixas.

O edificio, que nun inicio foi habilitado como granxa no século XV -da que se conserva o pombal- destaca sobre todo por ser residencia de veraneo de Eugenio Montero Ríos. Político e xurista galego, que converteu Lourizán en centro de referencia política e social da época reunindo ás personalidades máis influentes do momento. Foi tamén responsable de gran parte da maxestosidade da que goza o lugar hoxe en día. Entre finais do século XIX e principios do seguinte, construíu -entre outras cousas- un palacio, un invernadoiro e uns espectaculares xardíns que xa contaban con elementos de épocas anteriores, como un hórreo de 1798 e unha fonte de 1804.

Co tempo, nos anos 40, pasou a mans da Deputación de Pontevedra que o cedeu, en 1943, ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1946 pasa a ser Escola Técnica Superior de Montes para finalmente constar hoxe como Centro de Investigación Forestal integrado na estrutura da Xunta de Galicia.

O centro, que vela pola protección, conservación e avance do patrimonio forestal de Galicia, atópase -do mesmo xeito que o Xardín Botánico de Lourizán- nunha leira de 52 hectáreas que compoñen a contorna do pazo. Un fastuoso edificio que a pesar de atoparse abandonado, conserva o encanto dunha época mellor. Iso si, aínda que se atope pechado ao público, o exterior non ten desperdicio. Cunha impresionante escaleira imperial custodiada por estatuas, que se abre aos lados e volve unirse, e a vexetación caendo polas súas paredes, o lugar conserva unha maxia que é moi fácil de apreciar en cada recuncho.

Tras superar o asombro no Pazo de Lourizán, non deberías marchar sen percorrer o seu xigantesco xardín. Un espazo perfectamente coidado e totalmente aberto ao público que podes coñecer pola túa conta e con mapa en man (http://bit.ly/MapaLourizán ) ou concertando unha visita guiada (http://bit.ly/ContactoVisitasLourizán ). Zonas de árbores autóctonas como carballos, castiñeiros ou bidueiros combínanse con outras destinadas ao cultivo de especies foráneas como os cipreses, cedros, magnolias, plátanos e máis.

Con todo, tamén descubrirás a presenza dunha das flores máis apreciadas en Galicia, a camelia, que tingue dun ton avermellado os camiños que percorren o xardín. Se quedas namorado desta especie non deberías perderte a Ruta da Camelia, á que pertence o pazo.

Sen dúbida, un escenario idílico no que é difícil non sacar a relucir a nosa versión máis romántica entre paso e paso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *