O Pazo da Peregrina, unha xoia do pasado convertida nun espazo para todos

En Bertamiráns (Ames), a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, atópase unha construción señorial cunha historia curiosa e que na actualidade foi reconvertida nun espazo para o paseo e o descanso: o Pazo da Peregrina. Construído no século XVIII, a día de hoxe existen dúbidas en torno ás súas orixes. Hai quen apunta a que podería ter pertencido á casa de Altamira, tamén dona das Torres de Altamira no concello veciño de Brión. Porén, o feito de que o pazo estea localizado nunha xurisdición que controlaba a igrexa compostelá, enfrontada cos Altamira, fai que sexa máis plausible que fose propiedade da institución relixiosa ou dalgún comerciante local.

 

O Pazo da Peregrina está composto por un edificio principal de dúas plantas, dúas construcións auxiliares máis pequenas e unha capela dedicada á Virxe Peregrina. No edificio principal, con planta en forma de T e unha ampla balconada, era onde residían os habitantes, mentres que as construcións auxiliares eran ocupadas polos caseiros e albergaban tamén un forno, o almacén e as adegas. Todas as construcións son próximas e están situadas nunha praza na que hai unha fonte ornamental de pedra. Na capela, pequena e de planta rectangular, celebrábase a misa o domingo. Caeu en desuso cando se construíu a igrexa da Peregrina nunha parcela anexa ao pazo, na que se segue a oficiar a misa na actualidade.

 

Pero sen dúbida o que máis chama a atención do complexo é o seu xardín. É un espazo de case unha hectárea que alberga numerosas especies de árbores, un labirinto de sebes, unha parra e tres piscinas decorativas. O recinto estaba delimitado por un muro de pedra que en 2013 foi substituído por outro de ferro forxado. Ten catro accesos, un en cada esquina do recinto rectangular.

 

O pazo pasou a ser de titularidade municipal en 1992, despois de que o Concello de Ames chegara a un acordo coa empresa construtora que llo mercara á súa última herdeira, Elena Tagores Paramés, esposa do xeneral José Luis Azcárraga. Precisamente el dá nome á rúa que discorre paralela á marxe leste do pazo. Entre 1998 e 2001 leváronse a cabo as obras de remodelación dos edificios. Na actualidade, os recintos auxiliares acollen dependencias municipais, mentres que a construción principal é empregada para a celebración de exposicións, vodas e outro tipo de eventos. Os xardíns están abertos ao público para o seu goce.

 

O Pazo da Peregrina é un dos maiores atractivos turísticos de Bertamiráns e demostra como a riqueza patrimonial e histórica do pasado pode adquirir un novo valor na actualidade como espazo para o uso e gozo dos veciños e visitantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *