O Buraco do Inferno (Illa de Ons)

Un dos tesouros do Atlántico en Galicia é a illa de Ons, tanto polo seu valor ecolóxico, como polo seu valor histórico e etnográfico. Está situada na boca da ría de Pontevedra, á que lle serve de abrigo. É a illa máis grande, e a única poboada, do arquipélago de Ons, do que tamén forman parte a illa de Onza e sete illotes máis. O arquipélago, xunto cos das Cíes, Sálvora e Cortegada, constitúen o Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Nesta illa hai lugares de curiosa toponimia, como poden ser O Cucorno, Laxe do Crego, Alto de Altura, Punta do Rabo da Egua, praia de Area dos Cans, Miradoiro dos Fedorentos, ou… O Buraco do Inferno! Este é o nome que recibe unha sinistra furna da costa occidental da illa, fronte ao mar aberto. Para os insulares non é un mero capricho xeolóxico: é un sitio especial, ao que sempre lle tiveron temor e respecto.

A forza salvaxe do mar e do vento deseñou esta cova granítica á que, co tempo, se lle veu abaixo a parte de arriba, creándose un acceso directo desde a superficie da illa ata o fondo do mar (ou do inferno?). O Buraco está constituído por unha sima de 43 m de profundidade, con planta en forma de xe, que chega ao mar a través dun pozo e dunha galería. No alto do cantil hai un valo protector, que rodea a boca da sima, e un miradoiro, desde o que se albisca a canle e a boca da galería inferior. Tamén hai unha cruz branca, en memoria de José Luis Herrera Padín, gardamariña da Escola Naval de Marín desaparecido en 1963, despois de caer no buraco durante uns exercicios de adestramento.

Hoxe en día non se pode acceder á sima, xa que no 2003 houbo un derrube importante, tras dun temporal, que fixo que grandes bloques de pedra taponasen a canle de entrada. Alí, a auga bate moi brava e cóase polas fendas entre os bloques caídos, facendo moita escuma. No interior, fórmase un pequeno lago, branco pola escuma que, cos poucos raios de luz que reflicte, produce un efecto misterioso. Parece que estes caprichos da natureza, encima se non se ve onde rematan, nos levan a pensar no sobrenatural.

O Buraco do Inferno. E por que ese nome? Disque, sobre todo nos días de temporal, oíanse berros e queixumes que viñan do oco da furna, e que eran as queixas das almas levadas polo demo. Os insulares máis vellos lembran historias de como, cando se levaba o gando a pastar pola zona do buraco, os animais afastabanse del. Non así as persoas, que eran atraídas polo son que viña do foxo, co perigo de caer dentro. Se mandaban aos rapaces co gando, as nais metíanlles amuletos no peto (allos, herbas de San Xoán, follas de loureiro, bochos) para que o son non os fixera achegarse á sima e caer abaixo. Ata hai unha copla popular que di: «Dende O Baixial/ xa te estou escoitar/ pero por moito que berres/ a min non me vas levar».

Tamén din que, cando un náufrago non daba aparecido, era porque o tiña o demo atrapado alí abaixo. Entón, os veciños facían a «procesión dos fachos», encabezada polo cura ou a meiga, que comezaba ás doce da noite no cemiterio. Levaban cadanseus fachos e camiñaban pola beira dos cantís ata chegar ao Buraco. Alí, rodeábanno e dicían unhas palabras, e logo guindaban os fachos prendidos polo oco abaixo, para que o demo soltase o cadáver. Entón, aos poucos días, aparecía, e xa podía descansar en paz.

As vellas historias do Buraco sempre falan dos arrepiantes berros e laios que saían del. Hoxe en día so se oe o ruxido do mar e os ecos do vento, mais nada de berros. E logo, por que? Pois xa non se escoitan porque no Buraco xa non aniñan os araos ou, polo menos, esa é a explicación científica. Na illa, rico ecosistema de aves acuáticas, vese moita gaivota patiamarela e corvo mariño cristado, mais antigamente había araos, e seica lles gustaba moito a furna, e chiar como tolos nela. Estas delicadas aves extinguíronse na illa nos anos 80, e desde entón, o buraco non berra. 

De todos os xeitos, aínda sabendo o dos araos, a xente de Ons sempre lle tivo respecto ao Buraco do demo. O mesmo que á Laxe do Crego, sarcófago antropomorfo ao sur da praia de Area dos Cans, cuxa auga estancada polo visto tiña propiedades curativas, e á praia de Melide, onde se dicía que arribaba a Santa Compaña. É que a terra de Ons, con esa natureza salvaxe e ese estar fóra do mundo, é moi dada a lendas. É raro o ancián da illa que non saiba dalgún encontro coa Santa Compaña…

Unha derradeira recomendación: por favor, coidado con apoiarse na varanda. E ollo cos selfies.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *