No Concello de Sobrado dos Monxes, situado no suroeste da provincia da Coruña, dentro da comarca de Terra de Melide, atópase o Mosteiro Cisterciense de Santa María de Sobrado, tamén coñecido como Mosteiro de Sobrado dos Monxes, considerado Patrimonio da Humanidade como parte de Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España desde 2015.
O mosteiro foi fundado no século X aínda que non é ata o século XII, co auxe dos mosteiros, cando se integra na orde do Císter e vive a súa etapa de máximo esplendor. Máis tarde é abandonado e non se recupera ata os séculos XV e XVI nos que se converte nun dos mosteiros máis ricos e poderosos de Galicia e nos que se acometen importantes ampliacións e unha profunda renovación das instalacións. Isto fai que o estilo predominante nas edificacións sexa o barroco aínda que podemos apreciar vestixios do románico nalgunhas partes da igrexa ou da sala capitular.
Nestes momentos, atópase activo como mosteiro da Orde Cisterciense da Estreita Observancia e pódense visitar os claustros dos Peregrinos, que acolle aos peregrinos á súa chegada, e o Claustro Procesional ou tamén chamado das Caras, polos relevos da parte superior e é onde se atopa a Hospedería. Durante a visita tamén se poden percorrer algúns lugares de gran beleza e interese arquitectónico como a igrexa, a sala capitular ou a antiga cociña. O Claustro da Comunidade, o máis grande dos tres, non se pode visitar xa que está reservado para a vida e actividade da comunidade de monxes.
Outro punto de interese é a igrexa monacal que se atopa pegada ao edificio principal do mosteiro. De planta en cruz latina e estilo barroco galego, aínda que con algunhas liñas renacentistas, destaca a cúpula sobre o cruceiro e a súa impresionante fachada barroca do século XVII. Dignas de visitar son tamén a capela do Rosario, a capela da Madalena ou a espectacular sancristía renacentista.
O Mosteiro conta cunha hospedería e unha pequena tenda onde se poden adquirir produtos propios e doutros mosteiros. Pero é de destacar o seu papel como Albergue para peregrinos que chegan polo Camiño do Norte.
A un quilómetro do Mosteiro atópase a Lagoa de Sobrado que coas súas 10 hectáreas de superficie, unha forma case redonda e cunha profundidade de entre 1,5 e 4,5 metros, foi construída polos monxes entre os anos 1500 e 1530 para abastecer de auga as cociñas do mosteiro, regar os seus prados ou mover o seu muíño, traendo a auga desde o próximo río Tambre. Servía tamén como criadeiro de troitas para abastecer tanto as necesidades do mosteiro como doutros cenobios próximos.
A Lagoa pertenceu á Orde Cisterciense ata 1992, ano no que foi cedida á Sociedade Galega de Historia Natural. Hoxe atópase protexida pola Rede Natura 2000 xa que se trata dun dos humidais máis importantes de Galicia.
Actualmente a Lagoa de Sobrado pódese visitar e gozar deste lugar rodeado de prados e un bosque de bidueiros, alisos, fresnos, carballos… e bolos graníticos ocultos entre a masa forestal. Conta con áreas de recreo e varios miradoiros para a observación da fauna.