Fragas do Eume

Situación
Concellos coruñeses de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero e Pontedeume.

Superficie
9.125,65 ha. LIC: 9.076,82 ha.

Acceso
De Pontedeume ao mosteiro de Caaveiro, pasando por Ombre, por estrada local. Acceso á ribeira dereita como a central do Eume nos desvíos desde As Neves e Goente, na estrada AC-141 Cabanas-As Pontes de García Rodríguez. Ribeira esquerda pola estrada local que pasa xunto ao mosteiro de Monfero.

Servizos
En varias poboacións na contorna do Parque.

Máis información
Oficina do Parque Natural (Esteiro, 23, Nogueirosa – Pontedeume; Tel. 981 495 580).

Equipamentos
Centro de Recepción na estrada Ombre-Caaveiro, km 5. (Tel. 981 432 528) Paneis informativos.
Parque Eólico Experimental Sotavento (Reservas: Tel. 981 563 777).

Outros espazos naturais relacionados / próximos: 
LIC “Xubia-Castro”


View Larger Map
O bosque soñado

O río Eume, duns cen quilómetros de lonxitude total, labrou na maior parte do seu treito medio e final un profundo canón. As abruptas ladeiras, nalgúns puntos de ata 300 metros de desnivel, conservan o manto vexetal orixinal dos bosques atlánticos. Un bosque coma todos soñamos: a espesura, as estacións transformadas en cores, un río que coñece a aventura do salmón e busca a proximidade do mar para facerse ría…

Porque fraga significa bosque con árbores de diferentes especies. Carballos e castiñeiros forman o manto caducifolio acompañados de bidueiros e ameneiros, freixos e teixos, abeleiras e froiteiras silvestres; e dos perennes loureiros, acivros e érbedos. Todos forman unha heteroxénea selva na que cada especie ocupa o seu lugar. As sobreiras, por exemplo, teñen nas voltas destas ladeiras orientadas ao sur, o seu límite setentrional en Galicia. Nas ribeiras húmidas e sombrías consérvase unha ampla colección de liques, carrizas e fentos que son unha das xoias dos bosques climáticos como Eume, relictos da Era Terciaria.

Sen Perda

O parque ten establecidos catro portais de acceso, sen comunicación entre eles. O máis visitado é o que fixa como destino o mosteiro de Caaveiro. As ladeiras inclinadas só permiten esta entrada seguindo o curso do río a través do couto pesqueiro de Ombre, a dez quilómetros de Pontedeume. Desde o refuxio de pescadores de Cal Grande parten os itinerarios a través das fragas.

As fins de semana o paso con vehículos está restrinxido, pero existe transporte colectivo ata a ponte da Figueira, a máis próxima ao mosteiro. Neste punto, pé en terra, comeza a subida duns quince minutos ata o cenobio beneditino de San Xoán de Caaveiro, recentemente rehabilitado. Todo un monumento de arte románica en plena natureza con vistas panorámicas ás frondosas e ao ceo. A entrada é gratuíta con visita guiada, xeralmente en quendas de 45 minutos. Sen problema durante as fins de semana, festivos e temporada alta. O resto do ano, consultar. O horario sofre modificacións estacionais. Xa gañado o alto, e visitado o mosteiro, a senda pode continuarse nunha breve baixada ata o rumor do Sesín, que desauga no Eume un pouco máis abaixo do mosteiro. Paga a pena admirar a súa bravura de pozas e fontes verdes filtradas de carrizas. O mesmo Sesín pode ser abordado augas arriba por outro itinerario diferente a este. Desde a estrada de Cabanas ás Pontes de García Rodríguez, tomando o desvío nas Neves que conduce a Gunxel cos muíños do Sesín e logo continúa cara á antiga central hidroeléctrica de Ventureira. A pista estréitase a partir de aquí nas numerosas curvas das ladeiras arboradas deste itinerario que enlaza, na beira esquerda coa estrada de Rebordelo (Monfero).

Na mesma estrada Cabanas-As Pontes, xa no desvío de Goente, accédese á presa do Eume. Salienta como miradoiro privilexiado sobre o salto de auga que durante as cheas invernais se converte en fervenza debido ao deseño da comporta. Todo iso entre paredes verticais e espido granito sen que a paisaxe perda nunca o encanto da súa vizosidade.

Pola beira esquerda destacamos a visita ao mosteiro de Monfero coa súa fachada barroca axadrezada con lascas de lousa. Despois podemos penetrar no Parque onde a cola do encoro do Eume recibe ao río de Frei Bermuz en medio dunha frondosa paisaxe.

Nos altos da Serra da Loba, entre Monfero e Xermade, atopamos o Parque Eólico Experimental Sotavento dedicado á divulgación das enerxías renovables, con todo tipo de actividades, visitas guiadas e cesión de bicicletas.

Natureza Senlleira
Bosque mixto de frondosas considerado un dos máis extensos da Galicia litoral e relevante a nivel europeo como bosque climático. Os carballos cobren as abas do canón fluvial acompañados dun amplo repertorio vexetal e bosques de ribeira. A humidade propicia variedades de fentos de grande interese. Cómpre mencionar as 103 especies de aves, 41 de mamíferos e 8 de peixes. Especies endémicas de invertebrados e réptiles como a ra ibérica.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *