Ferrol presume do legado da Ilustración

Falar da historia de Ferrol é falar da Ilustración, esa época que se desenvolveu durante o século XVIII e comezos do XIX e que marcou o despegue da cidade legándonos o importante patrimonio urbanístico que chegou ata os nosos días. A súa estratéxica situación no interior da ría á que dá nome e o impulso gobernamental que recibiu ao ser convertida nunha das bases marítima máis importantes de España propiciaron un desenvolvemento urbanístico único en Galicia, ata o punto de converterse na primeira cidade en incorporar as tendencias urbanísticas máis modernas da época. Na actualidade, Ferrol reivindica con orgullo a herdanza daqueles tempos erixíndoa nunha das súas principais sinais de identidade e empregándoa como un dos seus grandes atractivos turísticos. A continuación presentámosche algúns dos lugares que non debes deixar de visitar se queres coñecer o Ferrol da Ilustración.

 

Barrio da Madalena

Este barrio, cuxo plano de construción foi aprobado en 1761 por Carlos III, é o punto de partida do Ferrol actual. O seu deseño racionalista emprazado entre a parte medieval da cidade e o barrio obreiro de Esteiro e desenvolvido en paralelo aos novos estaleiros estivo marcado polo seu trazado xeométrico e a introdución, xa a comezos do século XIX, de solucións construtivas e decorativas que despois se estenderían a outros lugares de Galicia. Así sucede coas galerías de cristal da fachadas das vivendas que aínda se poden contemplar hoxe en día nas rúas Madalena e Real. 

 

Castelo de San Felipe

Aínda que as orixes desta fortaleza costeira remóntanse aos tempos de Felipe II como parte dun armazón defensivo integrado tamén polas construcións da Palma e San Martín (en Mugardos), o aspecto actual do Castelo de San Felipe débese principalmente aos traballos acometidos no século  XVIII. A súa posición permitíalle controlar o acceso ao interior da ría.

 

Pazo de Capitanía

A que foi residencia oficial do capitán xeneral da zona do Cantábrico ocupa un lugar destacado do barrio da Madalena e serve na actualidade como escenario para actos culturais e representativos da Armada. Ao edificio orixinal do século XVIII engadíronse construcións nos dous séculos posteriores, pero ademais de pola súa arquitectura sobria, o lugar destaca polos seus xardíns e as vistas que ofrece da ría.

 

Arsenal Militar

Declarado Ben de Interese Cultural, o Arsenal Militar de Ferrol combina no seu deseño a funcionalidade propia da súa natureza coa monumentalidade propia do seu carácter representativo, que alcanza a súa máxima expresión na Porta do Dique. No seu interior atópase o que foi no seu día o estaleiro máis moderno de Europa, ademais de edificios de importancia histórica e arquitectónica como a Sala de Armas, tamén coñecida como cuartel de instrución e no que destaca a súa gran escalinata.

 

Museos Navais

Dous museos recollen a estreita relación que Ferrol ten mantido durante boa parte da súa historia co mundo do mar. O Museo Naval, situado na antiga prisión de San Campio e pertencente ao Ministerio de Defensa, mostra unha das coleccións de áncoras máis importantes do mundo, ademais de gran variedade de instrumentos náuticos e restos de diversas embarcacións. Nas antigas ferrerías da Armada atópase o Museo da Construción Naval, unha instalación xestionada pola Fundación Exponav. A súa colección é unha das máis importantes de Europa, pero a arquitectura da nave industrial do século XVIII xa merece unha visita por si soa.

 

Cuartel de Dores

Construída en 1771, a actual sede do Terzo Norte de Infantería é o cuartel máis antigo de España e goza tamén da consideración de Ben de Interese Cultural. A súa fachada principal e o patio de armas porticado nas súas dúas primeiras plantas son os seus elementos máis destacados. Ademais, na súa parte posterior atópanse os restos dunha das tres portas ao mar da antiga muralla da cidade.

 

Peirao de Curuxeiras e Baluarte de San Xoán

Convertido na actualidade nun espazo para o turismo náutico, o Peirao de Curuxeiras foi o lugar tradicional de desembarco para os peregrinos que chegaban a Galicia no medievo con intención de dirixirse a Santiago de Compostela polo Camiño Inglés. Nas súas inmediacións álzase o Baluarte de San Xoán, que formaba parte das murallas da cidade e que na actualidade serve de miradoiro.

 

Alameda de Suances

Esta zona verde que serve de nexo de unión entre a parte baixa do Barrio da Magdalena e o Arsenal Militar foi construída a comezos do século  XIX converténdose na primeira das grandes alamedas urbanas de Galicia. Un paseo polo seu interior permite contemplar numerosas especies vexetais procedentes de todo o mundo, como o cedro do Himalaia.

 

Máis información sobre rutas e visitas aos museos e as instalacións oficiais en https://visitferrol.com

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *