Esteiro do Tambre

Esteiro do Tambre
Esteiro do Tambre
Esteiro do Tambre

Situación – Curso baixo e desembocadura do río Tambre na ría de Muros e Noia. Concellos de Brión, Negreira, Noia, Outes, Porto do Son (A Coruña).

Superficie – 1.582,61 ha.

Acceso – Para a beira esquerda, desvío cara á Graña-Cornada na estrada AC-543 Santiago de Compostela- Noia. Para a beira dereita, pola Ponte Nafonso cara a Negreira.

Servizos – Aloxamento: Si. Comer: Si.

Outros espazos naturais relacionados / próximos: LIC “Monte e lagoa de Louro”

A arca de Noé con pomba e oliveira no peteiro representan no escudo municipal de Noia a súa fundación lendaria. É a cabeceira dunha ría onde conflúen co Tambre numerosos ríos de menor percorrido como o Traba, que cruza a ponte de Noia. Entre todos forman un entrambilicado sistema estuárico, apenas navegable coa marea alta, onde as paisaxes campesiñas conviven coas mariñeiras. Tres cuartas partes do espazo protexido pertencen a este hábitat marítimo-terrestre deica o porto do Freixo (Outes) dun lado e a praia de Boa Grande do outro.

A foz do Tambre pode contemplarse desviándose pola estrada vella na Ponte Nafonso, con vinte arcos, un por cada ano que tardou en se construír no século XIV e o último medio torto segundo o dito popular. A poboación entre xunqueiras rodeada de elevacións arboradas transmite toda a serenidade da paisaxe. Existen numerosos paseos e miradoiros como o do monte Tremuzo (514 m).

O curso fluvial do Tambre merece unha visita. Os seus últimos tres quilómetros discorren nunha pronunciada garganta sobre paredón de granito entre os lugares de Lueiro (Negreira) e Cornada-A Graña (Brión). Un bo sitio de partida é o edificio histórico da central hidroeléctrica Tambre I, deseñado polo arquitecto galego Antonio Palacios. Desde a súa área de recreo e a ponte colgante, con vistas ás antigas pesqueiras de lamprea, un sendeiro conduce entre bosquetes autóctonos ata a Devesa de Nimo.


View Larger Map

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *