Entroidos máis famosos de Galicia 

Aínda que debido á situación sanitaria os entroidos en Galicia este ano foxen de grandes programas de actividades e enfócanse cara a un  Entroido máis espontáneo e tradicional, non queremos deixar pasar a ocasión para falar dunha festa con gran arraigamento e tradición en Galicia: o  Entroido.

En Galicia, o entroido ten moita tradición. A versión máis curta vai de domingo de entroido a mércores de cinza. Mais hai sitios nos que parece que sabe a pouco. Por exemplo, en Xinzo de Limia, Verín ou Vilariño de Couso a festa dura… ata cinco semanas! E en Laza, mesmo empeza co ano, xa que despois das badaladas sae o primeiro folión.

As festas teñen elementos comúns, con variacións, como os dñoas fareleiros de botarse fariña, os bordalleiros, de botarse farrapos, ou a queima de mecos, ou lardeiros, co remate do entroido e, por descontado, as charangas, desfiles… Logo, cada sitio ten os seus personaxes característicos.

Celébrase en toda a comunidade, aínda que a provincia de Ourense é a raíña indiscutible. Nela atopamos o chamado «triángulo máxico», que comprende os concellos de Xinzo de Limia, Laza e Verín, cunha antiquísima tradición do carnaval rural. Demos unha volta polos entroidos máis famosos, todos eles moi interesantes (festas de Galicia de interese turístico e de interese internacional, a de Xinzo, e nacional, a de Verín):

Xinzo de Limia (Ourense). É un dos máis longos e declarado de interese turístico inernacional. O día grande é o martes de entroido. É unha festa moi completa: verbenas, pasacalles, charangas… Iso sí, hai que ir co disfrace posto, senón se acaba mal. As protagonistas son as pantallas, que na tradición saen co sol e retíranse co solpor. A vestimenta consta de camisa e calzón brancos, polainas e zapatos negros, capa vermella ou negra, faxín con campaíñas e pano e, o máis importante, a máscara (a pantalla) con cara de demo e cresta de cores, e os globos de vexiga animal que soan ao bater entre elas.

Verín (Ourense). Aquí o entroido está dirixido polos cigarróns, cunha vestimenta semellante á dos peliqueiros. Din que máis que nada a diferencia estriba no ritmo e movemento que levan. O cigarrón sae por primeira vez o 17 de xaneiro, á tardiña, na Festa do Chourizo de San Antón de Ábedes, para avisar de que o entroido xa anda cerca. E despois virá o domingo corredoiro, xoves de comadres… e todo o demais.

Laza (Ourense). Típico de Laza é o venres dos folións (comparsas nocturnas que tocan para espantar os malos espíritos), o luns borralleiro (con lanzamento de farrapos) e a baixada da Morena (unha especie de sátiro con cabeza de vaca que baixa de Cimadevila cargada de toxos e formigas para todo o mundo). Mais os protagonistas son os peliqueiros. Levan máscara de madeira de bidueiro e mitra de aluminio pintadas, e unha pelica (pelexa de animal ou sintética) cubrindo a parte de atrás da cabeza. Visten camisa branca, garabata, chaqueta curta con cintas, faixa, medias, cinto con chocas e zamarra (fusta).

Viana do Bolo (Ourense). O nome oficial da celebración é «Festa da androlla e o entroido», co que vemos a importancia da gastronomía, presente en todo o entroido. O protagonista é o boteiro, que leva máscara tallada en madeira e un tocado moi alto de arame e cartón con papeis de cores e traxe de cintas de seda de cores. O boteiro anuncia e dá paso ao folión, dando chimpos coa monca (pau decorado). Os folións son grupos de trinta ou corenta persoas con tambores e ferramentas do agro. Tamén levan cinto con chocas. Co barullo que fan, espantan os malos espiritos.

Vilariño de Conso (Ourense). Nesta festa o día grande é o sábado, co desfile dos fulións  e a Festa do Cabrito. O domingo Gordo,  e o martes, coa queima dos lardeiros. Aquí tamén hai comparsas, boteiros e fulións, e ademais fuliadas, representacións teatrais satíricas que involucran a todo o persoal.

Cobres (Santo Adrián e Santa Cristina, Vilaboa, Pontevedra). A festa vai de sábado a martes, sendo este o día grande, con danzas pola mañá e xogos pola tarde. En Cobres sonche moi elegantes, pois os personaxes do entroido son as madamas e os galáns. Van a cara descuberta e, o máis característico do indumento son os colares e, sobre todo, o sombreiro, cheo de adornos de cores: flores, plumas, bonecos, trozos de espellos… Para levar todo iso hai que andar ben das cervicais… É un entroido moi participativo e folclórico. Mesmo teñen baile propio: a Danza dos Cobres. Tamén hai personaxes secundarios, como as aldeanas, os de branco, as choronas, o predicador…

Os xenerais da Ulla (comarca do Ulla, A Coruña-Pontevedra). Celébrase en nove concellos durante unha semana longa. Os xenerais e os correos van a cabalo, coa cara descuberta, vestidos con uniformes moi enfeitados. Son peculiares os atranques ou altos, diatribas entre mandos de distintos bandos sobre temas actuais, con moita ironía, por suposto.

Manzaneda (Ourense). No «Folión tradicional do entroido de Manzaneda», as mázcaras, sen careta, por certo, son as que dirixen o cotarro. Levan un pucho cun enorme tocado colorido, bastón, botas e chocallos. Son excelentes bailaríns. Non hai que perderse o baile da mázcara sobre un caixón ao compás do folión.

Maceda (Ourense). A festa é o «Entroido dos felos de Maceda». O traxe dos felos é semellante aos dos peliqueiros e os cigarróns, mais levan medias negras e un rabo de raposo na máscara, colares, bastón, cinto con cinco chocas e botas. Tradicionalmente o cargo so valía para homes solteiros.

Aparte destes entroidos tan famosos, podemos sinalar os da Pobra do Brollón co seu oso de Salceda (Lugo), o domingo de piñata de Vilanova de Lourenzá (Lugo), o entroido ribeirao de Chantada (Lugo), o Ravachol de Pontevedra, o da Coruña cos choqueiros, o de Vigo cos merdeiros…

E non esquezamos que con tanta festa hai que alimentar o corpo. Os pratos para a ocasión son lacón con grelos, cachucha, androlla, e en xeral todo o que ten que ver co porco. Por iso o de martes lardeiro que, o mesmo que o mardi gras, é referido ao lardo, a graxa do touciño. E, como non, o toque doce: bica, filloas, orellas, flores e, as case esquecidas, follas de limón. E de remate, xastré (típico da comarca de Verín), licor café ou queimada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *