#EmbaixadoresDeVerín

Esta semana cos #EmbaixadoresDe… viaxamos ata Verín, na provincia de Ourense. 

Trátase dunha localidade de preto de 14.000 habitantes bañada polo río Támega que conta con preciosos recunchos. 

Pero se por algo é coñecida é polo seu famoso Entroido; polas súas augas minerais; polo castelo de Monterrei, situado no condello de mesmo nome, e polos seus extraordinarios viños da D.O. de Monterrei.

A primeira parada obrigada é visitar a impoñente fortaleza de Monterrei, declarada Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural, que preside o val desde o alto. Trátase da maior acrópole de Galicia e na Idade Media, debido á súa proximidade con Portugal, foi un baluarte estratéxico de defensa da fronteira. 

Dentro xa do centro urbano, o protagonista é o río Támega, que atravesa a localidade. Pero tamén atopamos preciosos edificios de arquitectura civil, como a Casa do Asistente, que chama a atención polo seu espléndido escudo; ou relixiosa como a capela do Apóstolo, a igrexa de Sta María a Maior ou o Convento da Mercé. 

Como comentabamos ao comezo, Verín é mundialmente coñecido polo seu famoso  Entroido. E é que o Entroido en Verín é verdadeira vocación, cos seus famosos  cigarróns, a figura máis característica e arcaica dos entroidos ourensáns. Polo que facerse unha foto xunto a escultura do Cigarrón, na rúa Viriato, é case unha obriga.

Con todo os seus embaixadores recalcáronnos a importancia da contorna natural no que se atopa e as numerosas rutas que se poden percorrer. Algunhas tan coñecidas como a que une Verín coa veciña localidade portuguesa de  Chaves, xunto á que integra o proxecto  Eurociudad da auga, ou a ecovía do Támega, pero tamén podemos destacar a ruta do Pozo  do Demo.

Por último podemos gozar da súa gastronomía mentres degustamos algún dos seus fabulosos viños da D.O. de Monterrei, unha forma inmellorable de acabar a nosa visita, non vos parece?

Está claro que Verín ten moito que ofrecer todo o ano polo que será fácil atopar unha escusa para visitalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará